Un humidal artificial ecolóxico depurará as augas residuais de Paraños

Cerdedo-Cotobade
24 de febreiro 2018

O lugar de Paraños, na parroquia de Carballedo, probará un peculiar sistema de depuración de augas residuais. Trátase dun humidal artificial ecolóxico, unha iniciativa ambiental pioneira en Galicia que xa foi probada con éxito en varios países europeos, especialmente en Francia

Terreos de Paraños onde estará o humidal artificial Concello de Cerdedo-Cotobade

O lugar de Paraños, na parroquia de Carballedo, probará un peculiar sistema de depuración de augas residuais. Trátase dun humidal artificial ecolóxico, unha iniciativa ambiental pioneira en Galicia que xa foi probada con éxito en varios países europeos, especialmente en Francia.

A iniciativa caracterízase, segundo sinala o Concello de Cerdedo-Cotobade, pola súa eficiencia, o seu baixo custo, a súa mínima afección ao paisaxe e ao medio natural e a súa sustentabilidade.

O presidente municipal, Jorge Cubela, e o concelleiro Fernando Vázquez, anunciaron este proxecto de depuración tras visitar as parcelas afectadas pola creación do humidal, que acaban de ser adquiridas polo concello. Esta actuación, na que se van investir 37.000 euros, está pendente dunhas modificacións técnicas para comezar a executarse.

Este humidal artificial ecolóxico, que terá capacidade para atender a unha poboación duns 150 habitantes, supón un reto tecnolóxico que se caracteriza polo seu baixo custo de investimento e mantemento e estase a converter nun sistema moi competitivo en termos de eficiencia e sustentabilidade para pequenos núcleos de poboación, como é o caso de Paraños.

O proxecto consiste na creación dun espazo que reproducirá, de maneira controlada, os procesos de depuración que ocorren nos humidais naturais. Así, trátase dun sistema totalmente natural e sen adicción de produtos químicos de xeito habitual, polo que produce moi poucos lodos abaratando moito a súa xestión.

Ademais, o seu mantemento é moi escaso, xa que non hai dependencia tecnolóxica, as comprobacións periódicas son mínimas, o consumo enerxético é moi reducido, non xera cheiros nin insectos e conta cunha alta integración na paisaxe.

Cubela, tras anunciar o novidoso proxecto e visitar a zona, explicou que o Concello ten decidido apostar por novos sistemas de depuración que sexan moito máis asumibles para as arcas municipais en termos de construción, mantemento e enerxía e que ademais sexan "o máis respectuosos e estean o máis integrados posibles no noso medio natural".