Un home de 84 anos, falecido en Montecelo, vítima 194 con covid na área sanitaria

Pontevedra
15 de agosto 2021

A Consellería de Sanidade comunicaba este domingo a morte de dúas persoas durante a xornada do sábado 14 diagnosticadas con coronavirus. Ademais do falecido en Pontevedra tamén morría unha muller de 92 anos no Hospital Comarcal de Verín, ámbolos con patoloxías previas

Vacinas contra a covid-19

Un home de 84 anos, que perdía a vida durante a xornada do sábado 14 no Hospital Montecelo, convértese na vítima 194 debido á pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Contaba con outras enfermidades previas no seu historial médico.

Desde o inicio do plan de continxencia por esta enfermidade curáronse 18.851 pacientes, 198 máis este domingo que na xornada do sábado.

A Consellería de Sanidade notificaba esta morte durante este domingo 15 do mesmo xeito que a dunha muller de 92 anos no Hospital Comarcal de Verín, tamén con patoloxías previas.

Con estes dous decesos, o número de falecementos en Galicia, desde que se comezaron a tomar datos sobre as mortes pola pandemia, ascende a 2.516 persoas.

PREVISIÓNS DE VACINA

Está previsto que este luns 16, durante a mañá, se vacinen 600 persoas convocadas polo Servizo  Galego de Saúde. Trátase de persoas con idades comprendidas entre os 30 e os 39 anos.

Non hai previsión por parte de Sanidade de administración de vacinas en Vilagarcía de Arousa para esta xornada.