Un home de 80 anos, duodécima vítima mortal de coronavirus na área sanitaria

Pontevedra
12 de abril 2020

En Pontevedra e O Salnés hai este domingo 482 casos activos, un menos que o sábado. Deles, 61 son pacientes que se atopan hospitalizados: 15 evolucionan en UCI e 46 están ingresados en planta. Desde o inicio da pandemia prescribíronse 112 altas hospitalarias  

Novas salas de espera de Urxencias de Montecelo Cristina Saiz

Un home de 80 anos falecido nas últimas horas mentres estaba ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra converteuse na vítima número 12 do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. 

Segundo a información facilitada desde a xerencia da área sanitaria, este home presentaba patoloxías previas ao coronavirus. 

Na área sanitaria hai este domingo 12 de abril, segundo o último balance facilitado, 482 casos activos de coronavirus, un menos que o sábado. Dado que durante a última xornada recibiron a alta médica dous pacientes e produciuse un falecemento, en realidade, tan só detectáronse nun día dous novos positivos. 

Segundo o balance oficial, deses 482 casos activos, 61 son pacientes que se atopan hospitalizados. Deles, 15 evolucionan en UCI e 46 están ingresados en planta, cinco deles no Hospital  do Salnés, un en QuirónSalud Miguel Domínguez e o resto no Hospital Montecelo. Os outros 421 casos están a recibir seguimento no seu domicilio.

Desde o inicio do plan de continxencia do  COVID-19 faleceron nesta área sanitaria 12 pacientes e prescribíronse 112 altas hospitalarias -cifra que representa un incremento de 2 altas tramitadas con respecto ao sábado-

A nivel autonómico, segundo a última actualización de datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos ascende a 5.833, deles 1.228 son da área da Coruña, 591 da de Lugo, 1.154 da de Ourense, 482 da de Pontevedra, 1.078 da área de Vigo, 973 da de Santiago, e 327 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos en Galicia, 140 permanecen en UCI, 742 están en unidades de hospitalización e 5.011 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.143 altas de pacientes e 360 falecementos.

Do total de casos positivos, 911 son usuarios de centros residenciais e 416, profesionais. Do total de falecementos, 79 estaban ingresados en residencias e 75 en hospitais e residencias integradas. O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,7% do total das persoas residentes.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.