Un home de 78 anos, vítima 159 do coronavirus na área sanitaria

Pontevedra
08 de marzo 2021

Este luns 8 de marzo, a Consellería de Sanidade notificaba só tres novas mortes en Galicia, unha delas era a do paciente que perdía a vida no Hospital Montecelo con enfermidades previas ao contaxio do coronavirus. Galicia sitúase en 2.278 falecementos desde o inicio do plan de continxencia hai un ano

Hospital Montecelo Cristina Saiz

A vítima 159 provocada polo coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é un home de 78 anos que perdía a vida este domingo no Hospital Montecelo. A Consellería de Sanidade notificaba a súa morte este luns, indicando que o paciente contaba con outras enfermidades previas antes de contaxiarse de covid-19.

Desde o inicio do plan de continxencia desta enfermidade, na área sanitaria curáronse 11.659 pacientes, 38 máis nas últimas 24 horas, segundo os datos ofrecidos polo  Servizo  Galego de  Saúde.

Nesa xornada do domingo faleceron outras dúas persoas en Galicia. Trátase de dúas mulleres, unha de 74 anos e outra de 85, que falecían no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e no Hospital Lucus Augusti de Lugo respectivamente. Nestes dous casos tamén constaban patoloxías previas nos seus historiais médicos.

Con estas tres mortes, Galicia chega aos 2.278 decesos provocados pola pandemia. A Consellería de  Sanidade non notificou o número de mortes que se rexistraron ao longo deste luns 8 de marzo.