Un home de 77 anos procedente da Residencia Domus Vi de Ribadumia, vítima 241 na área sanitaria

Pontevedra
27 de xaneiro 2022

O paciente falecía no Hospital do Salnés e contaba con outras enfermidades previas. A Consellería de Sanidade comunicaba outras sete mortes este xoves 27 de xaneiro de persoas diagnosticadas por covid-19. Nas últimas catro xornadas, Saúde Pública confirmou 29 falecementos en Galicia de pacientes co virus

Hospital do Salnés Cristina Saiz

Un home de 77 anos, diagnosticado por coronavirus, falecía nas últimas horas no Hospital do Salnés. O paciente procedía da Residencia Domus Vi de Ribadumia. No seu historial clínico figuraban outras enfermidades previas, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade este xoves 27 de xaneiro.

Trátase da vítima 241 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés desde o inicio da pandemia. Desde que comezou o plan de continxencia nesta zona curáronse 39.255 persoas, 695 máis que na xornada de onte. A anterior vítima na área fora comunicada o 22 de xaneiro e tratábase dun home de 87 anos, que falecía no Hospital Montecelo.

Ademais, Sanidade informaba da morte doutras 7 persoas co virus no conxunto de Galicia durante as últimas horas: unha muller de 52 anos, no Hospital de Burela; unha muller de 91 anos e un home de 90 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; un home de 97 anos, no Complexo Hospitalario de Ourense, procedente da Residencia Domus Vi Barbadás; un home de 92 anos, no Hospital de Monforte, procedente da Residencia do  Morín; unha muller de 85 anos, no Vithas Fátima de Vigo; e un home de 91 anos, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, procedente da Residencia Virxe de Guadalupe de Mos.

Todas as vítimas notificadas contaban con outras enfermidades nos seus expedientes hospitalarios.

No últimos catro días,  Saúde Pubíca confirmaba un total de 29 mortes de persoas coa enfermidade na comunidade autónoma. O total de falecementos en Galicia desde o inicio da pandemia sitúase en 2.910.