Un home de 75 anos, terceira vítima mortal da covid-19 nunha semana na área sanitaria

Pontevedra
03 de decembro 2021

Un home de 75 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra con diagnóstico de covid-19 faleceu este xoves, pero o Sergas reportouno este venres no balance diario. Tiña patoloxías previas a ser diagnosticado por coronavirus. Eleva a 208 as mortes da pandemia na área sanitaria

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo Mónica Patxot

Un home de 75 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra con diagnóstico de covid-19 faleceu este xoves e converteuse na terceira vítima mortal da pandemia en menos dunha semana na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. 

O falecemento produciuse este xoves 2 de decembro, pero o Servizo Galego de Saúde reportouno este venres no balance diario de falecementos. Foi a única vítima confirmada nesta xornada. 

O home tiña, segundo confirmaron fontes oficiais do Sergas, patoloxías previas a ser diagnosticado por coronavirus.

Con esta morte, o total de vítimas mortais da covid-19 xa ascende a 208 persoas na área sanitaria.

Na última semana xa se confirmaron outras dúas vítimas. O pasado domingo 28 de novembro o Sergas reportou a morte dun home de 92 anos tamén ingresado no Hospital Montecelo e o mércores 1 de decembro o falecemento dunha muller de 81 que estaba ingresada no mesmo centro. 

O último balance do Sergas realizado este venres confirma na área sanitaria 793 casos activos de covid-19, dos que 23 estaban hospitalizados, 20 pacientes ingresados en planta de hospitalización e 3 na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.