Un home de 70 anos, vítima 154 da pandemia na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
27 de febreiro 2021

O home falecía, diagnosticado por coronavirus, no Hospital Montecelo durante as últimas 24 horas. Nesta xornada de sábado, a Consellería de Sanidade notificaba sete falecementos en Galicia con motivo da pandemia. Con estas mortes, a comunidade autónoma perdeu a 2,227 persoas debido a esta enfermidade

Un home de 70 anos, diagnosticado por coronavirus e con enfermidades previas no seu historial médico, é a última vítima de covid-19 no Hospital Montecelo. A morte producíase durante o venres pero foi notificado este sábado pola Consellería de Sanidade.

Con esta morte, a cifra de persoas falecidas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ascende a 154 persoas. Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 11.334 pacientes.

A Consellería notificou a morte doutras seis persoas en Galicia, que tamén se rexistraron na xornada do venres. 

Trátase dun home de 78 anos, falecido no Hospital da Coruña; dous homes, de 94 e de 77 anos, no Complexo Hospitalario de Ourense; unha muller de 87 anos, no Hospital Lucus Augusti de Lugo; un home de 95 anos, no Hospital do Barco de Valdeorras, procedente da Residencia de Carballeda de Valdeorras e, por último, un home de 83 anos, no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.

Todas estas persoas contaban con enfermidades previas á súa infección co covid-19. Con estas mortes o número de falecidos en Galicia ascende a 2.227 pacientes desde que se notifican os datos de persoas que perdían a vida debido a esta pandemia.