Un home de 69 anos, terceiro falecido con covid-19 esta semana na área sanitaria

Pontevedra
05 de xaneiro 2022

A morte confirmouse este mércores, pero xa se producira o martes e pasou a elevar a 232 o número total de pacientes con covid-19 falecidos desde o inicio da pandemia. Estaba ingresado no Hospital do Salnés e tiña patoloxías previas ao coronavirus. O Sergas confirmou este mércores o falecemento en Galicia de 14 persoas

Hospital do Salnés Cristina Saiz

Un home de 69 anos converteuse este martes 4 de xaneiro na terceira persoa falecida con covid-19 nun hospital da área sanitaria no que vai de semana e de ano.

A morte confirmouse este mércores, pero xa se producira o martes e pasou a elevar a 232 o número total de pacientes con covid-19 falecidos desde o inicio da pandemia.

Segundo a información oficial facilitada polo Sergas, este home estaba ingresado no Hospital do Salnés e tiña patoloxías previas ao coronavirus. As dúas vítimas anteriores desta semana foron dúas mulleres falecidas o luns 3, unha de 87 anos ingresada no Hospital Montecelo e outra de 84 que faleceu no Hospital do Salnés.  

O Sergas confirmou este mércores o falecemento en Galicia de 14 persoas que foran diagnosticadas por coronavirus, todas con patoloxías previas. Dúas producíronse o luns 3, dez o martes 4 e dúas este mesmo mércores 5 de xaneiro. 

O luns 3 de xaneiro faleceron dous homes, un de 86 anos no CHUS de Santiago e outro de 68 no CHUVI de Vigo. 

O martes 4 os novos falecidos foron dez, o máis novo deles un home de 46 anos no HULA de Lugo. Ademais, faleceron catro no CHUO de Ourense, un home de 74 anos e tres mulleres de 79, 79 e 98 anos; un home de 90 no  Hospital de Valdeorras; un home de 88 no CHUS; unha muller de 92 no Hospital de Verín; e un home de 67 anos no CHUF de Ferrol.

Este mércores 5 de xaneiro as falecidas foron dúas mulleres, unha de 78 anos no CHUVI de Vigo e outra de 93 no HULA.