Un home de 53 e unha muller de 90 anos, novas vítimas da covid-19 no Hospital Montecelo

Pontevedra
25 de febreiro 2021

Os dous pacientes contaban con enfermidades previas antes de infectarse co virus. Con estes novos falecementos o número de vítimas ascende a 153 pacientes na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde o inicio da pandemia. A Consellería de Sanidade informou este xoves da morte doutras seis persoas nos últimos días en Galicia por culpa do coronavirus

Urxencias do Hospital Montecelo Mónica Patxot

Un home de 53 anos e unha muller de 90, que falecían no Hospital Montecelo o mércores 24 e cuxas mortes eran notificadas este xoves 25, elevan a 153 o número de decesos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde o inicio da pandemia.

Segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade, ambos os pacientes contaban con enfermidades previas antes de infectarse co virus que lles causou a morte. Nas últimas horas tamén se notificou a morte dun home de 80 anos e dúas mulleres, de 83 e 95, falecidos en Montecelo, ademais dun home de 80 no Hospital do Salnés. 

Desde o inicio do plan de contixencia, ademais destas 153 mortes, curáronse 11.164 pacientes na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

GALICIA

Ademais destas dúas mortes durante o mércores, este xoves a Consellería de Sanidade notificou outras seis mortes durante o últimos tres días de persoas diagnosticadas por coronavirus.

O 23 de febreiro faleceu un home de 88 anos, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, procedente da Residencia Castro lareira de Salceda de Caselas. A este caso súmase, o dun home de 91 anos, que perdía a vida no seu domicilio no Concello de Arteixo.

O mércores 24 faleceron tamén dúas mulleres, de 76 e 87 anos, no Complexo Hospitalario da Coruña e un home, de 74 anos, no Hospital Lucus Augusti de Lugo.

Durante este xoves 25, ata o momento, só notificouse a morte dun home de 75 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Todas as vítimas notificadas nesta xornada contaban con outras enfermidades previas a infectarse coa covid-19. 

Coas oito novas vítimas, o número de persoas falecidas en Galicia desde o inicio da pandemia ascende a 2.213 persoas.