Un goberno do BNG será, segundo Pontón, o "máis fiel aliado" de Pontevedra para sacar a ENCE da ría

Pontevedra
10 de marzo 2020

Pontevedra é o "exemplo" de como o BNG pode "derrotar" as políticas "regresivas e centralistas" do PP e facelo apostado por un proxecto propio que "confíe no potencial" de Galicia. Así o destacou este martes a súa portavoz nacional, Ana Pontón

Ana Pontón, con membros da candidatura do BNG, por Pontevedra Cristina Saiz

Pontevedra é o "exemplo" de como o BNG pode "derrotar" as políticas "regresivas e centralistas" do PP e facelo apostado por un proxecto propio que "confíe no potencial" de Galicia. Así o destacou este martes a súa portavoz nacional, Ana Pontón.

"Fixémolo en Pontevedra e o 5 de abril temos a oportunidade de estendelo desde o goberno da Xunta", sinalou Pontón, que acudiu á Boa Vila para presentar a candidatura coa que o BNG concorre aos comicios galegos pola provincia de Pontevedra.

Nesta cidade, engadiu, "resulta doado falar de cambio galego", xa que Pontevedra demostrou, segundo a dirixente nacionalista, o que se pode conseguir cun proxecto político que aposte por políticas "transformadoras" para mellorar a vida das persoas e xere riqueza, dinamismo, benestar social e un modelo "sustentable" de urbanismo.

"O de Pontevedra é o tipo de goberno que queremos estender por toda Galicia", sinalou a portavoz nacional do BNG, que reclamou "deixar atrás o tempo de maiorías absolutistas e de sucursalismos".

Pontón felicitou ao goberno municipal de Pontevedra porque, a pesar de que a Xunta "non se implicou" coa cidade, logrou implantar un "modelo de éxito", polo que apuntou que " imaxinade se ten un goberno aliado e se impulsan as actuacións pendentes".

Pontón avanzou que para o BNG será "prioritario" a rexeneración da ría coa construción de novas depuradoras, a dragaxe do Lérez, a variante de Alba, reforzar a sanidade pública ou avanzar na "senda urbana" para lograr unha cidade sostible. 

Ademais, a líder do BNG asegurou que Pontevedra terá nun goberno encabezado polos nacionalistas o seu "máis fiel aliado" para afrontar a "batalla definitiva" pola saída da fábrica de Ence da ría, fronte a un Núñez Feijóo que, ao seu xuízo, erixiuse no "gran defensor" da compañía pasteira e dos "intereses" do IBEX 35.

 "Volveu defender a continuidade da prórroga indecente e inmoral do PP e unha vez máis dálle as costas ao maioría social para poñerse do lado das portas xiratorias desta multinacional", lamentou Pontón, que tras lembrar que en 2009 proclamaba o seu compromiso para trasladar a fábrica de Lourizán, asegurou que a palabra de Feijóo "non vale nada".

A este respecto, Ana Pontón recomendoulle ao presidente galego que "vaia enviando o seu currículo" a ENCE porque tras as eleccións galegas do próximo 5 de abril "imos desaloxalo da Xunta e terá que buscar emprego noutro lado".

No mesmo acto, o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, asegurou que estas eleccións chegan "no mellor momento" para un BNG "que medra, integra e vai a máis" e afirmou que no PP " teñen medo e están nerviosos" ante unha posible derrota nas urnas.

"Somos o equipo A en Galicia", bromeou Bará, por estar liderados por Ana Pontón e porque "facemos política en A" fronte os "sobres, portas xiratorias e amizades perigosas" dun Partido Popular "que fai políticas en B".

O candidato nacionalista engadiu que o 5 de abril os galegos terán a oportunidade de "acabar" con once anos de goberno de Núñez Feijóo e da época de "submisión" a Madrid, para o que será "clave" que haxa unha gran participación nas eleccións.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que "xa está ben" de que Galicia "viva cara fóra e de ter obediencia debida a Madrid" e defendeu que para Pontevedra ter un goberno "leal" na Xunta, con Ana Pontón á fronte, supoñerá un "paso adiante".