O multiusos de Arcade foi o lugar elixido para o inicio dos actos que Soutomaior preparou para conmemorar o 25N, o día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. Foi cun faladoiro sobre a realidade das mulleres no deporte.
A cita, moderada por Silvia Rey, profesora de Educación Física e a primeira campioa galega en salto de pértiga, contou coa participación da xogadora profesional de baloncesto María Araújo, a árbitra de fútbol Adriana Gámez e a ex xogadora do Deportivo da Coruña Ana González.
A través das súas testemuñas, o público puido comprobar como o machismo está presente no deporte feminino e como, en moitos casos, as estruturas deportivas exercen violencia contra as mulleres, impedindo que exerzan as súas disciplinas en igualdade de condicións que os homes.
A programación da campaña do 25N desenvolverase ata o venres 1 de decembro. A vindeira cita será o propio día 25N, cando o Concello de Soutomaior ten convocada unha concentración ás 12:00 horas na Alameda de Talo Río en repulsa das violencias machistas.
A continuación, varias deportistas locais farán lectura do manifesto polo 25N do Concello de Soutomaior e ao remate terá lugar a performance do dúo Cinta Adhesiva.
Xa pola tarde, a compañía A Panadaría interpretará a súa obra As que limpan, ás 20.30 horas no Multiusos de Arcade.
Finalmente, o día 1 de decembro, ás 19.30 horas, a libraría Loli de Arcade acollerá a presentación do libro Bambú de Isabel Blanco, quen desenvolverá un coloquio co público asistente.