Un equipo de botánicos, coordinados pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), vén de completar un exhaustivo estudo da riqueza florística da illa de Tambo. A conclusión, que hai o dobre do número de especies das que se coñecían ata o de agora.
O estudio, que contou coa colaboración do Concello de Poio, que facilitou o desprazamento á illa, é obra do biólogo ambiental Martiño-Fiz López Lindoso, o enxeñeiro forestal Javier Calvo e o investigador botánico Pablo Rodeiro.
Ademais, participaron científicos de recoñecido prestixio como Javier Amigo e María Inmaculada Romero Buján, así como outros especialistas en musgos e liques, que realizaron diversos achados durante o seu percorrido pola illa.
O resultado deste traballo ambiental eleva o número de especies coñecidas na illa de Tambo ata as 237, fronte as 114 que estaban identificadas en estudos previos.
As conclusións preliminares indican que a illa de Tambo é unha zona de alta biodiversidade no que atinxe ás plantas vasculares. A pesar do seu pequeno tamaño, uns 0,29 quilómetros cadrados, medran nela o 10% de todas as especies de plantas vasculares de Galicia.
Este feito reflicte, segundo indica Adega, que Tambo é un lugar "especialmente indicado" para ser orientado á conservación da natureza, xa que reúne unha alta biodiversidade nun pequeno territorio "que é o factor máis importante que se busca nun espazo protexido".
Outras conclusións do estudo indican que nas áreas de maior biodiversidade da illa hai unha menor presenza de eucalipto. "É nas zonas libres de eucalipto onde atopamos a maioría da biodiversidade mentres que onde esta especie é dominante é menor", destacan os autores.
Ademais, tamén se recolle no inventario a presenza de 22 especies de plantas invasoras e a súa abundancia nas diversas partes da illa para facilitar a súa posterior localización.
Adega xa entregou ao Concello de Poio un listado preliminar das especies de plantas que medran na illa e vai solicitar a presentación dos resultados deste estudo na comisión de seguimento da illa de Tambo.
Estes datos sobre a biodiversidade botánica, sostén o colectivo ecoloxista, avalan a proposta de creación do espazo natural de interese local (ENIL) para a illa de Tambo, e "entran en contradición" co plan de usos deseñado para todo este ámbito natural.