Un 'efémero' Culler de Pau en Madrid: Javier Olleros cocinará en The Table By durante un mes

O Salnés
28 de decembro 2016

Culler de Pau trasládase a Madrid. Ou polo menos, o seu espírito. Pero os seus clientes poden estar tranquilos porque será de forma temporal. O restaurante que dirixe Javier Olleros será o próximo protagonista de The Table By, un establecemento 'pop up' que convida a chefs de diferentes lugares do país para trasladar o seu saber e a súa esencia ás súas instalacións, situadas no Urso Hotel&Spa da capital española

Os seis cociñeiros protagonistas da iniciativa The Table By Juan Rayos / The Table By

Culler de Pau trasládase a Madrid. Ou polo menos, o seu espírito. Pero os seus clientes poden estar tranquilos porque será de forma temporal. O restaurante que dirixe Javier Olleros será o próximo protagonista de The Table By, un establecemento 'pop up' que convida a chefs de diferentes lugares do país para trasladar o seu saber e a súa esencia ás súas instalacións, situadas no Urso Hotel&Spa da capital española.

"É un bo escaparate. Parecíanos unha boa forma de estar presentes en Madrid e chegar a un público diferente", explica Javier Olleros a PontevedraViva. El será o terceiro dos seis cociñeiros convidados no marco desta iniciativa. Este efémero Culler de Pau estará aberto do 13 de xaneiro ao 14 de febreiro e ata alí trasladarase o equipo habitual do restaurante do Grove. "É un reto persoal para todos", asegura o seu responsable.

A pesar de que o cociñeiro pontevedrés asegura ser moi fácil de convencer, o certo é que "dixen dúas veces que non" porque non tiña moi claro "que facer en Madrid" ou se sería capaz de trasladar o seu concepto de cociña a outro restaurante, algo que, recoñece, é imposible.

"Culler de Pau só se entende desde O Grove e con toda a proposta que facemos alí. Non podemos facer o mesmo en Madrid", explica. Olleros afirma que a base da experiencia do seu restaurante dáse grazas á proximidade ao produto -principalmente peixes e mariscos- e á rede de pequenos produtores que lles abastecen de alimentos. "Iso é algo que alí non poderemos ter", insiste.

O que haberá en Madrid, afirma, é un "pequeno aperitivo", unha mostra do que os clientes poden atopar no Culler de Pau orixinal "para que teñan ganas de vir". Así, trasladará a este restaurante con data de caducidade os produtos galegos que emprega habitualmente e os "sabores e as texturas" que adoitan acompañar á súa cociña. "Vai ser moi chulo. Traballaremos un chea pero ímolo a gozar, seguro".

"A verdade é que Galicia está a soar e de súpeto todos os focos están dirixidos a nós", cre este cociñeiro, que está convencido da necesidade de "facer nome" con Galicia e o Atlántico

O equipo de Culler de Pau non só se fará cargo da cociña, senón que terá que xestionar todo o restaurante coma se fose o seu propio. Aí terá outro reto porque aos seus novos clientes "teremos que explicarlles un pouco Galicia, O Grove e o noso concepto". Pero Javier Olleros cre que "vai ser divertido e tentaremos promocionarnos o mellor posible e deixar un bo sabor de boca en Madrid".

Este salto a Madrid é un exemplo máis de como a cociña galega está a cruzar fronteiras. "Imos á conquista de Castela", asegura o pontevedrés entre risas. "A verdade é que Galicia está a soar e de súpeto todos os focos están dirixidos a nós", cre este cociñeiro, que está convencido da necesidade de "facer nome" con Galicia e o Atlántico "porque é un manancial para nós e non o poñemos en valor como se merece".

Un exemplo desta dieta atlántica será a que sirva Javier Olleros e todo o seu equipo en Madrid. Alí ofrecerá, do mesmo xeito que o resto dos seus compañeiros, dous menús degustación de 45 e 60 euros (bebidas non incluídas) máis tres pratos de tempada. As reservas -54 persoas por servizo- xa se poden realizar a través da páxina web de The Table By. O restaurante estará aberto de martes a sábado de 13.30 a 15.30 horas e de 20.30 a 23.30 horas. Os domingos, só de mañá.

Para participar en The Table By, o equipo de Culler de Pau tivo que atrasar as súas vacacións. "Sempre pechamos en xaneiro e febreiro", lembra Olleros, "así que este ano tardaremos máis en ir a descansar". E será, ademais, un parón máis breve do habitual porque pronto terán que poñerse ao choio para a Semana Santa. "Espero que podamos abrir sobre o 5 de marzo", adianta. "Onde sempre, en Reboredo".