Un dron revisa a galería de servizos de Beiramar para comprobar o seu estado

Pontevedra
14 de outubro 2019

Ata 357.000 euros investirá Viaqua, a empresa que xestiona o servizo de abastecemento de auga e saneamento, na mellora da galería de servizos de Beiramar. As actuacións que se executarán nas próximas semanas parten da revisión realizada a través dun dron de pequenas dimensións

Dron que revisou a galería de servizos Concello de Pontevedra

Ata 357.000 euros investirá Viaqua, a empresa que xestiona o servizo de abastecemento de auga e saneamento, na mellora da galería de servizos de Beiramar.

As actuacións que se executarán nas próximas semanas parten da revisión realizada a través dun dron de pequenas dimensións.

O dispositivo percorreu toda a galería, desde a ponte dos Tirantes ata a desembocadura do Gafos, para comprobar o seu estado e detectar posibles deficiencias.

A galería, lembrou a responsable do Ciclo da auga, Carme da Silva, é unha infraestrutura "bastante antiga" e as melloras que se prevén acometer incrementarán "moitísimo" a súa vida útil.

Así, Viaqua instalará sensores de ruído na rede de abastecemento que, na galería de servizos, conta cunha tubaxe que fornece auga a Marín e Bueu e outra que canaliza a auga cara parte de Pontevedra.

Estes sensores, que teñen un custo de 47.000 euros, permitirán detectar fugas rapidamente, xa que o ruído que xera a subministración cambiaría. Con este sistema, explicou Da Silva, poderase saber a localización real da fuga "e actuar no momento".

Outros 113.000 euros serán para substituír e renovar os soportes de ancoraxe sobre os que se asintan as tubaxes de abastecemento de auga. En total, colocaranse un centenar de novos soportes que, a pesar de que non están rotos, "son de hai algún tempo e é mellor substituílos".

A actuación máis importante, cun custo de 197.000 euros, afectará á rede de saneamento e permitirá que as tapas de rexistro, que actualmente están baixo terra e dificultan calquera traballo de reparación de avaría, estean na superficie para que, en caso de necesitalo, poder actuar desde a rúa.