A Garda Civil de Pontevedra detivo a pasada madrugada un veciño de Marín de 38 anos como presunto autor dun intento de agresión sexual a unha moza de 20 anos na zona de acampada habilitada en Poio con motivo dos concertos do festival Armadiña Rock Estrela Galicia.
O presunto agresor foi detido por un delito de agresión sexual en grao de tentativa e pasou a noite na Comandancia da Garda Civil. Á primeira hora da tarde deste domingo foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra, que determinou a súa posta en liberdade, pero mantivo a súa condición de investigado e impúxolle a obrigación de comparecer ante o xulgado cando sexa requirido e de comunicar calquera cambio de domicilio.
Segundo informou a Garda Civil, todo ocorreu pasadas as dúas da madrugada á beira do pavillón das mariscadoras da Seca. Un grupo de mozas acudiu a ouriñar a unha zona próxima ao recinto habilitado para a acampada do festival e nese momento apareceu no lugar un home que empezou a masturbarse na súa presenza.
As mozas, alteradas, abandonaron o lugar, pero pouco despois outra moza tivo necesidade de acudir a ouriñar, foi a unha zona apartada e o individuo do incidente anterior abordouna. Segundo relatou a moza, empezou a meterse con ela, sobouna, agarrouna e tentou levala a unha sebe próxima, realizándolle diversos tocamentos.
A moza actuou con valentía, defendeuse e conseguiu liberarse do home e abandonar o lugar, poñendo os feitos en coñecemento das súas amigas. Estas responderon con rapidez e puxéronse en contacto co teléfono 016 de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero.
A alerta chegou rapidamente á Comandancia da Garda Civil, desde onde se deu aviso a todas as unidades despregadas con motivo do dispositivo especial de seguridade despregado este fin de semana en Combarro. Unha das 16 patrullas despregadas na zona atopábase próxima ao lugar dos feitos e en cuestión de minutos localizou ao presunto agresor e detívoo.
O home presentaba na cara e no pescozo diversas marcas defensivas que lle fixera a vítima ao tentar evitar a agresión sexual, rasguños visibles que axudaron á súa localización e identificación.
A moza foi atendida por unha ambulancia e trasladada a un centro médico, aínda que afortunadamente non sufriu lesións, ao lograr escaparse do seu atacante con rapidez e contar coa rápida intervención das súas amigas e da Garda Civil.
A vítima ten 20 anos e non reside na zona, pero os seus datos persoais non se facilitarán para garantir a súa intimidade. Do agresor transcendeu que ten 38 anos e é veciño de Marín.