Un deputado en Pontevedra, en liza entre PP e PSOE polo voto emigrante

Pontevedra
13 de xullo 2020

 O PSOE conseguiu 'in extremis' a súa sexta acta pola provincia, que lle correspondería á xornalista viguesa Noelia Otero. Pero os populares quedaron moi preto. Apenas 45 votos separaron ao PP de manter os once deputados logrados en 2016, unha diferenza insignificante que queda a mercé do voto da emigración

Xente votando nas eleccións galegas do 12X Cristina Saiz

A contenda electoral non terminou. O reconto do censo de residentes ausentes, o coñecido como voto emigrante, podería alterar os resultados que arroxaron as urnas en Galicia: 41 deputados para o PP, 19 para o BNG e 15 para o PSdeG-PSOE.

Precisamente é un dos deputados por Pontevedra o que está en cuestión. O PSOE conseguiu 'in extremis' a súa sexta acta pola provincia, que lle correspondería á xornalista viguesa Noelia Otero. Pero os populares quedaron moi preto.

Apenas 45 votos separaron ao PP de manter os once deputados logrados en 2016, unha diferenza insignificante que queda a mercé do voto da emigración.

No caso de Pontevedra, o censo de residentes ausentes ascende a 134.064 persoas, pero de todos eles só 3.496 solicitaron participar nestas eleccións.

Ata o mércores este voto non será contado e, por tanto, non estará asegurado o deputado en liza entre socialistas e populares.

Moito máis difícil é que poidan cambiar as cousas nas outras tres provincias galegas, especialmente na Coruña, onde os socialistas necesitarían superar ao PP en 4.422 votos entre os residentes ausentes para arrebatarlles un deputado.

En Lugo, pola súa banda, o PSOE quedou a 1.336 votos de quitarlle ao populares un dos seus oito deputados; mentres que en Ourense, as tornas son ao revés. O PP tería que sumar 9.235 votos máis que os socialistas para sumar o seu noveno deputado.