Un curso da UNED en Pontevedra analizará os dereitos e garantías da persoa na era dixital

Pontevedra
22 de febreiro 2024

Será impartido por Joaquín Sarrión Esteve, profesor titular de Dereito Constitucional e Catedrático Jean Monnet na UNED

Joaquín Sarrión Esteve, profesor titular de Dereito Constitucional e Catedrático Jean Monnet na UNED. Joaquín Sarrión Esteve

Os dereitos e garantías da persoa na era dixital será o tema analizado por un curso do Centro Asociado da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Pontevedra que impartirá, do 4 de marzo ao 15 de abril, Joaquín Sarrión Esteve, profesor titular de Dereito Constitucional e Catedrático Jean Monnet na Uned.

O curso, que está coordinado polo responsable do Departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, Rafael Cotelo Pazos, ten como obxectivo explicar os aspectos máis relevantes que a transformación dixital ten para as persoas, en particular para as físicas, desde o punto de vista da protección e tutela dos seus dereitos e liberdades, considerando o uso masivo de datos (Big Data) e os emerxentes sistemas de intelixencia artificial.

Así, analizaranse os desafíos que expón a transformación dixital, en especial sobre os eixos de gobernanza (Estado de Dereito, sistema institucional, dereitos) e regulación (lexislación, softlaw, dereitos). Tamén se atenderá aos retos que se expón esta transformación para as persoas e os seus dereitos o mundo en liña (dereitos fundamentais, dereitos e principios dixitais) como cidadáns, e tamén como usuarios/consumidores.

O desenvolvemento do curso será online, en directo ou en diferido, excepto o taller final do día 15 de abril, que será presencial, aínda que poderá ser seguido igualmente en liña en directo e diferido.

Así o programa que se desenvolverá neste curso comeza o luns 4 de marzo, de 17 a 20 horas, coa presentación da Cátedra Jean Monnet en Gobernanza e Regulación na Era Dixital (GovReDig) onde se analizará a gobernanza e o sistema institucional ante a dixitalización.

A segunda sesión, do 11 de marzo, virará en torno ao dereito e a evolución da regulación ante a dixitalización, a transformación dixital e status das persoas (os dereitos e garantías; os principios e dereitos dixitais), a cidadanía ante a dixitalización e os consumidores e usuarios ante a dixitalización.

O luns, 18 de marzo terá lugar a terceira sesión sobre o dereito europeo da ciencia e a tecnoloxía na era dixital: aproximación á futura regulación da intelixencia artificial. Tamén se abordará o dereito europeo da ciencia e a tecnoloxía e a análise da regulación da Lei de Intelixencia Artificial.

A cuarta sesión, previa ao taller práctico que dá fin ao curso, centrarase na gobernanza e regulación dos datos na Unión Europea, os dereitos vinculados á protección de datos de carácter persoal; o marco xurídico do tratamento de datos persoais e non persoais na Unión Europea ou o dereito fundamental de protección de datos de carácter persoal.