Un cuarto viaxeiro falecido, recuperado do río a uns 500 metros do autobús

Cerdedo-Cotobade
25 de decembro 2022

A Garda Civil confirmou que o cadáver se atopaba xa no río, a uns 500 metros de distancia do lugar no que caeu ao Lérez, sobre as 21:20 horas, o autobús da empresa Monbús que cubría esta Noiteboa a liña Lugo-Vigo. Outras tres persoas continúan desaparecidas

Tarefas de rescate das vítimas do autobús accidentado en Cerdedo EFE / Lavandeira Jr.

Os titánicos esforzos que están a realizar os servizos de emerxencia no río Lérez permitiron localizar o corpo sen vida dun cuarto pasaxeiro do autobús accidentado en Pedre (Cerdedo-Cotobade). Foi sobre a unha do mediodía.

A Garda Civil confirmou que o cadáver se atopaba xa no río, a uns 500 metros de distancia do lugar no que caeu ao Lérez, sobre as 21:20 horas, o autobús da empresa Monbús que cubría esta Noiteboa a liña Lugo-Vigo.

Foron os mergulladores do grupo especial de actividades subacuáticas da Garda Civil, os GEAS, os que lograron localizar a esta cuarta vítima, despois de que fora avistada polos medios áereos do instituto armado. Para recuperala foi necesaria a axuda do helicóptero Pesca 1 do servizo de Gardacostas de Galicia.

Mentres tanto continúan os labores de procura das outras tres persoas que, segundo as estimacións das autoridades, viaxaban no autobús xunto aos dous sobreviventes, o condutor e unha pasaxeira, e os catro falecidos.

A pesar das malas condicións meteorolóxicas, estas tarefas non se deterán ata a noite.

Arquivado en