770 cruceiristas chegarán a Marín este sábado 18 de maio e poderán coñecer a fondo a localidade e viaxar a outra zonas de Galicia.
Chegarán a bordo docruceiro Amera, do operador alemán Phoenix Reisen, un barco de 204 metros de eslora e un calado de 7 metros que permanecerá atracado durante a xornada no Peirao Comercial Oeste.
Os visitantes teñen programadas varias visitas turísticas durante o día a Santiago de Compostela, Baiona e O Salnés.
Para aqueles que non queiran moverse de Marín, a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra habilitará un autobús que estará a facer unha rolda de transporte de pasaxeiros de forma continuada entre o barco e a praza de España.
O obxectivo é que aqueles viaxeiros que non asistan ás excursións programadas pola navieira poidan coñecer e gozar da oferta gastronómica, paisaxística e turística que ofrece Marín.
O Amera ten prevista a súa chegada a porto á primeira hora do sábado e permanecerá atracado ata as 18.00 horas, cando partirá rumbo a Lisboa, o seu próximo porto de destino.