A historia ten detalles demasiado sórdidos que non serán revelados por respecto á familia e achegados, protagonistas involuntarios dun dobre crime que mantén conmocionada á sociedade da comarca de Umia e, en xeral, de todo o país. Pero ten outros detalles que, aínda que resulten duros, botan un pouco de luz sobre a morte de Candela e Amaya, dúas nenas de 9 e 4 anos que este venres estaban na vivenda do seu pai en Moraña e remataron degoladas presuntamente cunha serra radial.
A historia, de tal dramático desenlace, ten a súa orixe, segundo todas as fontes consultadas, nunha mala relación entre David Oubel Renedo e a súa ex muller, que, se se confirman as primeiras hipóteses policiais, o tería levado a alzar a bandeira da vinganza e cometer un dobre homicidio sen xustificación.
David Oubel, de 40 anos, é o principal sospeitoso e único detido polo dobre crime, rexistrado un pouco antes do mediodía deste venres no número 15 do lugar do Casal, na parroquia de San Martiño de Laxe de Moraña. Presuntamente, utilizou unha radial para cortar o pescozo ás súas dúas fillas e, posteriormente, encerrouse no baño da vivenda, meteuse na bañeira e cortouse as veas. Pretendía acabar coa súa vida, pero non o logrou e foi trasladado por unha ambulancia ao Hospital Montecelo. Alí permaneceu, detido e custodiado pola Garda Civil, ata última hora da tarde, cando recibiu a alta hospitalaria e foi trasladado á Comandancia de Pontevedra.
Este sábado, a mediodía, está previsto que pase a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis, que estaba de garda e asumiu a investigación. A xuíza, que arredor das 15.00 horas deste venres ordenaba o levantamento dos cadáveres das dúas menores, decretou o segredo das actuacións, de aí que o secretismo se apoderase do caso e apenas transcendan detalles oficiais do suceso.
Si se deu a coñecer que na parella non había antecedentes por violencia de xénero ou doméstica nin denuncias previas que fixesen presaxiar un desenlace como este. Tamén informacións extraoficiais e datos que correron como a pólvora por Moraña e Caldas. En Moraña está a vivenda do suceso -que antes da separación fora a casa familiar-, en Santa Lucía vive a nai das dúas falecidas e é natural o detido. En Caldas, na rúa Juan Fuentes, ten unha inmobiliaria o arrestado e é moi coñecido. E aínda hai outro municipio da zona con implicacións neste tráxico incidente, Campo Lameiro, de onde é natural a nai e ex esposa.
As fontes consultadas indicaron que o matrimonio entre David Oubel e a súa esposa se rompeu hai dous anos e el empezou unha relación homosexual con outro home ao tempo que empeoraban as súas relacións coa súa xa ex muller. O xulgado deu a ambos os dous a custodia compartida das nenas, pero elas pasaban máis tempo coa súa nai. Nos últimos días estaban a pasar as vacacións co seu pai e púidoselles ver na festa do Carneiro ou, na propia mañá do venres, dando un paseo polo pobo. Todo parecía normal e a media mañá mesmo saía música a gran volume da casa do Casal, pero pouco despois saltaba a noticia. Este sábado estaba previsto que as nenas regresaran coa súa nai.
Este sábado estaba previsto que as nenas regresaran coa súa nai
O secretismo que rodea o suceso non permite establecer o modo concreto en que foi descuberto o crime. Si transcendeu que o home avisou unha segunda persoa da súa actuación e que mesmo puido deixar unha nota relatándoo todo, pero non se deu a coñecer quen foi a primeira persoa en chegar á vivenda. Esa persoa encontrouse os dous cadáveres e ao agora detido encerrado no baño, de modo que a Garda Civil tivo que forzar a porta para entrar. Encontrouno na bañeira e ao principio temíase que estivese moi grave, pero finalmente as súas feridas resultaron máis superficiais do previsto.
Os detalles de como apareceron os cadáveres permanecerán sen revelar e non coñecerá máis datos ata que este sábado se practique a autopsia ás nenas. De momento, toda a sociedade está conmocionada, un equipo especializado do Colexio de Psicoloxía de Galicia desprazouse ata O Casal para atender aos prexudicados e a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, amiga íntima da familia, convocou un Pleno Extraordinario ás 21.00 horas deste venres e decretou tres días de loito oficial.