Un convenio para involucrar a todos os colexios e institutos da provincia na compostaxe

Pontevedra
15 de febreiro 2018

A Deputación de Pontevedra e o Centro de Investigación e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) rubricaron este xoves un convenio de colaboración para a difusión do Plan Revitaliza nos centros escolares da provincia

César Mosquera e Carlos Vales asinan o convenio de colaboración entre Deputación e CEIDA Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra e o Centro de Investigación e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) rubricaron este xoves un convenio de colaboración para a difusión do Plan Revitaliza nos centros escolares da provincia.

En concreto a alianza chegará 432 centros educativos de ensino infantil, de primaria e secundaria ata final de curso.

"Trátase dun programa masivo que nunca se fixo con esta extensión e intensidade", recoñeceu o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, que abre a posibilidade de que colexios e institutos concertados e privados poidan sumarse á iniciativa.

A institución provincial aporta 150.000 euros a este proxecto educativo coa intención de concienciar desde ben cedo sobre a importancia da compostaxe.

Grazas a este acordo, o CEIDA encárgase de desenvolver obradoiros para o estudantado, de impartir formación ao profesorado ou diferentes actividades de sensibilización, todo iso acompañado coa edición de material divulgativo e de exposicións que irán pasando polos diferentes centros.

Aínda que se trata dunha iniciativa prevista para o presente curso escolar, a idea dos responsables é "que teña toda a continuidade que faga falta", sinalou o director do Centro de Investigación e Divulgación Ambiental de Galicia, Carlos Vales. 

ACTIVIDADE NO IES LUÍS SEOANE

Como exemplo do que propón o proxecto educativo do CEIDA en colaboración da Deputación, este mesmo xoves o IES Luís Seoane de Pontevedra foi obxecto dunha das actuacións incluídas no plan, coa presenza dun técnico que instalou un compostero individual que dará servizo ao instituto co obxectivo de que toda a comunidade educativa poida depositar aí os restos de merendas e lixo orgánico que se xere na súa cafetería.

Un cento de nenas e nenos de catro aulas de Primeiro da ESO atenderon ás explicacións do experto e aprenderon cales son os labores de mantemento necesarios para obter compost logo de varios meses.