Un Consello da Infancia, formado por menores de 9 e 10 anos, opinará sobre os temas que lles afectan da cidade

Pontevedra
26 de setembro 2024
Actualizado: 18:55

Este martes 26 docentes dos 18 centros públicos participantes manterán un encontro coas organizadoras, integrantes de Taller Abierto. Durante a xuntanza tratáronse as bases deste proxecto que leva como denominación 'Contas Moito', que comezará a reunirse a partir de xaneiro no Centro Social Leste

Docentes dos centros que participan na creación do Consello da Infancia Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra presentaba este xoves un novo proxecto para fomentar a participación das crianzas na vida pública e na toma de decisións que afectan á cidade.

O concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, xunto con África Martínez e Ana Barreiro, responsables do espazoTaller Abierto, presentaron o Consello da Infancia, un órgano consultivo que permitirá aos nenos e nenas de 9 e 10 anos opinar sobre cuestións que lles afectan.

Demetrio Gómez destacou que a iniciativa ten como obxectivo "recuperar os dereitos de todas as persoas a ser escoitadas, independentemente da súa idade".

"As democracias teñen un problema para escoitar a toda a cidadanía, e hai cidadás e cidadáns que non son escoitados", afirmou o concelleiro, subliñando a importancia de estender a participación a toda a poboación.

O proxecto, denominado 'Contas Moito', botará a andar este xoves cunha primeira reunión das organizadoras co profesorado dos 18 centros de ensino público do municipio para establecer as bases do funcionamento do consello.

Estaba previsto que a reunión contase coa presenza en liña do pedagogo Francesco Tonucci, cuxa experiencia e pedagoxía inspiraron a posta en marcha desta iniciativa, pero finalmente non puido realizarse a conexión debido aos danos causados polas inundacións en Italia.

"Pontevedra e Tonucci forman unha simbiose, e este proxecto é un paso máis cara a converter Pontevedra na cidade das crianzas", explicou Gómez.

O Consello da Infancia estará conformado polos escolares elixidos por sorteo entre o alumnado de cuarto e quinto de primaria que se amose interesado.

As reunións terán lugar os sábados, fóra do horario escolar, e desenvolveranse de xaneiro a xuño no Centro Social Leste.

"Os docentes levarán ás aulas un tríptico informativo para explicar en que consiste a actividade e serán as familias as que decidan, segundo a súa dispoñibilidade, se os seus fillos e fillas participan", indicou África Martínez.

Demetrio Gómez: "este proxecto é un paso máis cara a converter Pontevedra na cidade das crianzas"

As sesións seguirán unha dinámica horizontal, sen un representante infantil ao fronte do consello, e estarán centradas nas inquedanzas e visións da rapazada sobre a cidade e outros temas que se poidan propoñer.

Ao final do proceso, elaborarase un informe coas conclusións e achegas que será trasladado á alcaldía.

“A intención é facer deste consello un órgano permanente, con vocación de continuidade”, apuntou Demetrio Gómez.

Esta experiencia será unha das primeiras iniciativas deste tipo en Galicia e no Estado coa idea de que a voz das crianzas se teña en conta na planificación da cidade e mesmo poida recoller opinións en relación a outros temas que preocupen aos menores.