Un condutor que triplicaba a taxa de alcoholemia provoca múltiples colisións en Pontevedra

Pontevedra
08 de decembro 2013

Segundo informou a Policía Local, este home conducía un Ford Focus polo centro urbano cando colidiu contra varios turismos que estaban correctamente aparcados na rúa Padre Perfecto Feijóo

Un condutor que triplicaba a taxa de alcoholemia permitida viuse implicado en varios accidentes de tráfico este domingo cando circulaba ao volante do seu vehículo polas rúas de Pontevedra.

Segundo informou a Policía Local, este home conducía un Ford Focus polo centro urbano cando colidiu contra varios turismos que estaban correctamente aparcados na rúa Padre Perfecto Feijóo.

Nun dos casos o golpe que lle propinou a un Volkswagen fixo que este impactase con violencia contra o todo terreo que tiña diante, quedando enganchados os dous coches pola bola do remolque.

Este individuo proseguiu a súa incidentada carreira pola cidade ata que unha patrulla da Policía Local logrou interceptalo na rúa Javier Puig, xunto á gasolineira de Costa Giráldez.

Ao ser sometido á proba de alcoholemia superou a taxa permitida cun resultado de 0,91 miligramos de alcohol por litro en aire expirado polo que a Policía Local imputoulle un presunto delito contra a seguridade viaria.

Recordemos que os condutores con mais de dous anos de antigüidade do permiso de conducir non poden conducir con taxas superiores a 0.5 gramos por litro en sangue e 0.25 miligramos por litro en aire expirado.