A Policía Local de Vilagarcía identificou e denunciou este sábado a dúas persoas, de arredor de 30 anos, que ían nun coche Volkswagen Golf co que protagonizaron un aparatoso accidente na avenida de López Ballesteros.
O suceso ocorreu ás nove e cinco horas da mañá.
Segundo informou a Policía Local, o vehículo chocou contra outros tres que estaban estacionados. Como consecuencia, o coche causante do accidente volteou e os outros tres sufriron danos de consideración. Afortunadamente, non houbo danos persoais.
Avisada por veciños da zona, a Policía Local achegouse a lugar onde puido identificar aos causantes dos accidentes cando intentaban abandonar a zona.
O condutor e a pasaxeira negáronse a realizar probas de detección de alcol ou drogas, o que non impediu que os axentes, diante das evidencias do seu estado, cursaran a correspondente denuncia no xulgado por un presunto delito de condución baixo os efectos de substancias prohibidas, desobediencia á autoridade e danos.