Un cento de futuros médicos residentes coñecen as especialidades da área sanitaria

Pontevedra
11 de abril 2023

O Hospital Montecelo acollía este martes 11 unha xornada de portas abertas onde se estableceu un foro entre residentes actuais na área e estudantes que teñen interese en realizar a súa formación. José Flores, xerente da área sanitaria, explicou durante o encontro o organigrama dos centros que a integran e as principais especialidades ás que poden acceder

José Arias, xerente da área sanitaria, mantén un encontro con futuros médicos residentes SERGAS - Xunta de Galicia - ARQUIVO

O Hospital Montecelo acollía este martes unha xornada de portas abertas para futuros médicos residentes. Preto dun centenar destes facultativos en formación sanitaria especializada de Medicina, Enfermería, Farmacia e Psicoloxía, procedentes de toda España, acudiron a este encontro organizado pola Unidade de Docencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Jorge García-Borregón, subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, foi o encargado de iniciar o acto cunha breve introdución sobre a contorna sanitaria. José Flores Arias, xerente da área sanitaria, explicaba aos asistentes o organigrama dos centros que integran os distritos de Pontevedra e O Salnés e as principais especialidades dispoñibles.

Luís Anibarro García, presidente da Comisión de Docencia Especializada, ofreceu os argumentos asistenciais, profesionais e persoais para que os futuros médicos residentes decidan por escoller as diversas opcións fomativas nos centros sanitarios desta zona. Lembroulles tamén que serán, nun futuro próximo, a base do Sistema Sanitario Público galego e, por este motivo, o bo funcionamento dependerá deles.

Álvaro Rodríguez Pomares, presidente da Comisión de Docencia de Atención de Medicina Familiar e Comunitaria, encargouse de explicar as opcións formativas da Atención Primaria en Pontevedra e O Salnés, advertindo de que se trata da porta de entrada para a poboación usuaria do sistema de saúde. Por último, Martín Iglesias, presidente da subcomisión de Enfermería, tamén ofreceu máis información aos novos asistentes.

Entre as especialidades máis demandadas polos futuros residentes figuran Medicina Familiar e Comunitaria, Uroloxía, Psiquiatría, Farmacia, Dixestivo, Pediatría, Microbioloxía, Anestesioloxía, EIR -Enfermería de Saúde Mental, de Pediatría, de Familia e Comunitaria e Matrona. 

Ademais, a xornada serviu para manter un encontro entre os residentes actuais e os futuros. Tiveron a oportunidade de intercambiar experiencias co obxectivo de orientar e resolver dúbidas.