Un cento de comercios de Pontevedra compiten nun certame de escaparatismo

Pontevedra
22 de decembro 2020

Os clientes poden votar polo seu establecemento favorito e optar a un dos vinte cheques que sorteará entre os votantes o Departamento de Promoción Económica, que premiará tamén con 1.500 euros ao negocio máis votado

Presentación do certame de escaparatismo do comercio de Pontevedra Concello de Pontevedra

Un total de 96 comercios de Pontevedra participan no concurso de escaparates de Nadal impulsado pola concellería de Promoción Económica a través da plataforma #PonteLovers.

Os establecementos rexistrados locen un adhesivo cun código QR nos seus escaparates, que os peóns poderán escanear para votar polo seu escaparate favorito.

"O único que hai que facer para darlle o noso respaldo ao escaparate que máis nos guste é premer no botón de votar, visualizar as fotografías dos participantes e emitir o noso veredicto. Os tres máis votados serán os gañadores dun primeiro premio de 1.500 euros, un segundo de 1.000 e un terceiro de 500. O día 29 de decembro darase a coñecer o resultado", explica a concelleira Yoya Blanco.

O certame inclúe tamén premios para os cidadáns a través dun sorteo de 20 cheques regalo por valor de 25 euros cada un que poderán trocarse por produtos e servizos en calquera dos negocios rexistrados. 

Desde o departamento de Promoción Económica lembran que esta iniciativa ten como obxectivo poñer en valor os establecementos comerciais de Pontevedra. Co lema "é o momento de amosar a túa mellor cara", convidan a sacar o lado máis positivo do comercio local empregando os seus escaparates como reclamo para atraer clientes. O número de votos emitidos supera xa os 7.500.