Un cento de colectivos rexeitan a "chantaxe" de ENCE para "comprar vontades"

Pontevedra
18 de febreiro 2017

Representantes de 102 colectivos de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e das comarcas do Morrazo e O Salnés concentráronse este sábado no Pazo de Lourizán para mostrar o seu rexeitamento "por coherencia" aos patrocinios e as axudas do plan social da empresa Ence que consideran "esmolas" para lavar a súa "mala conciencia" e "comprar vontades"

Concentración fronte ao Pazo de Lourizán APDR

Representantes de 102 colectivos de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e das comarcas do Morrazo e O Salnés concentráronse este sábado no Pazo de Lourizán para mostrar o seu rexeitamento "por coherencia" aos patrocinios e as axudas do plan social da empresa Ence que consideran "esmolas" para lavar a súa "mala conciencia" e "comprar vontades".

Ademais pediron ao resto do movemento asociativo da comarca que non acepten a "chantaxe", que ao seu xuízo, supoñen as axudas económicas que ofrece Ence a persoas físicas e entidades xurídicas por un montante de tres millóns de euros.

Dixeron ser "conscientes das dificultades económicas dos distintos colectivos, porque as padecemos, pero iso non nos pode levar a aceptar a chantaxe de Ence", unha empresa que "contribúe a crear pobreza na comarca".

Neste sentido criticaron o "silencio de estómagos agradecidos" e apelaron ás institucións públicas para "non colaborar" con Ence instándolles a "retirar o seu apoio económico e de calquera tipo a aqueles eventos nos que colabore Ence, e a que fagan pública esta decisión".

Nun manifesto lido fronte ao histórico edificio lamentaron que a empresa pasteira "coa axuda cómplice da Xunta", pretendese facerse co Pazo de Lourizán para instalar alí o seu centro de investigación forestal.

Os impulsores desta campaña, que aseguran representar "a un amplo sector da cidadanía da comarca", sinalaron que esta maneira de actuar "non é unha política nova para Ence, que pensa que pode subornar a todo o mundo".

Entre os 102 colectivos que subscribiron este manifesto atópanse a Asociación pola defensa da ría de Pontevedra (APDR), a Cooperativa Mexilloeira de Bueu 'Socomebu', mariscadores de Aldán, as comunidades de montes de Salcedo e Lourizán, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Adega, a Irmandade Illa de Tambo, Amigos e amigas do Museo de Pontevedra, Ateneo de Pontevedra, Aula Castelao de Filosofía, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao, Salvemos a Fracha, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Defende o Monte Pituco, a Fundación Alexandre Bóveda ou a Fundación Cuña-Casasbellas, entre outros moitos.