Un banco de pedra para reivindicar "a palabra" das mulleres da escrita

Pontevedra
23 de novembro 2022

A presidenta da Deputación Carmela Silva xunto ás escritoras que asinaron o Manifesto de Soutomaior veñen de descubrir este mércores un banco de pedra co que se conmemora o primeiro aniversario da súa sinatura

Inauguración do banco conmemorativo do primeiro aniversario do "Manifesto de Soutomaior" Mónica Patxot

A presidenta da Deputación Carmela Silva xunto ás escritoras que asinaron o Manifesto de Soutomaior veñen de descubrir este mércores un banco de pedra co que se conmemora o primeiro aniversario da súa sinatura. 

Os xardíns do Pazo provincial acollen esta escultura elaborada pola Escola de Cantería, que reflicte o nome dalgunhas das fundadoras do Manifesto e parte das súas reivindicacións. 

"É un libro aberto, como aberta é a mirada das mulleres que puxeron en marcha esta iniciativa; unha proba viva do presente, do futuro, para que a xente saiba que as mulleres estamos en pé, de loita, coa palabra, en defensa da igualdade", dixo a presidenta.

En novembro de 2021 a Deputación celebrou por vez primeira o Día das Escritoras cun encontro de autoras e editoras galegas que culminou coa sinatura do Manifesto de Soutomaior. 

No Manifesto, asinado por Fátima Anllo, Edurne Baines, Isabel Blanco, Mariana Carballal, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Ana Figueiredo, Inma López Silva, Esperanza Mara, Silvia Penas, Arantza Portabales, Elvira Ribeiro, Regina Vega, Carmela Silva, M.ª Victoria Alonso, Lucía Muradas, Paula Cabaleiro e Ana Amoedo, esixíase, entre outras cuestións, o cumprimento do artigo 26 do capítulo 2 da Lei de Igualdade e a revisión do canon literario, así como a presenza das mulleres autoras e editoras galegas no currículo escolar, nos espazos de toma de decisión, nos nomeamentos, nos xurados dos premios literarios, nos días das Letras Galegas, nos recoñecementos, nos premios, nas edicións de antoloxías e nas Reais Academias.

"Temos conseguido nun ano cousas que parecían imposibles", destacou Carmela Silva sinalando que ao longo deste tempo moitas máis mulleres recibiron premios literarios e teñen aparecido máis galardóns con nome de muller.

"O Manifesto está a facer que a moita xente non lle quede outra que moverse", remarcou, e explicou que, ao abeiro deste movemento, a Deputación vai poñer en marcha, entre outras iniciativas, os premios literarios "Hai unha voz", para recoñecer o papel das escritoras e profesionais galegas no ámbito da literatura; o concurso escolar de relatos "Cambiemos o conto", para premiar ás redaccións centradas na igualdade e na loita contra as violencias machistas; así como un observatorio sobre a situación das mulleres na literatura e unha biblioteca dixital de mulleres da escrita.