Un banco con 'Orgullo' no exterior da Deputación

Pontevedra
28 de xuño 2019

A presidenta provincial presidiu este venres o acto institucional organizado pola Deputación con motivo do Día do Orgullo LGTBIQ, centrando as súas accións no pintado dun banco que estará permanentemente situado nos xardíns de Vincenti, nos exteriores do Pazo Provincial

Acto da Deputación polo Día do Orgullo LGTBIQ Mónica Patxot

A presidenta provincial, Carmela Silva, presidiu este venres o acto institucional organizado pola Deputación con motivo do Día do Orgullo LGTBIQ.

As accións da institución centráronse nesta ocasión no pintado dun banco que estará permanentemente situado nos Xardíns de Vincenti, nos exteriores do Pazo Provincial. Ademais leuse un manifesto propio e habilitouse iluminación ao edificio para proxectar durante toda a noite as cores da bandeira LGTBIQ.

O acto, conducido polo xornalista Rodrigo Cota, contou coa participación de deputados, alcaldes da provincia e representantes de diversos sectores da sociedade civil e política.

Silva foi a encargada de poñer o peche reivindicando "o respecto á diversidade como mostra de enriquecemento dunha sociedade máis plural, igualitaria, tolerante e polo tanto máis feliz".

A Deputación mostrou o seu rexeitamento á "apelación a valores ideolóxicos, culturais, tradicionais ou relixiosos para xustificar calquera tipo de discriminación", condenando calquera forma de violencia "física, verbal, humillación e menosprezo que teña a súa orixe na orientación sexual e a identidade de xénero". 

O banco pintado coas cores da bandeira LGTBIQ nos Xardíns de Vincenti súmase ao banco instalado o pasado mes de novembro, no outro lado dos xardíns, con motivo do Día Internacional da Memoria Trans. Neste caso, o banco representa tamén as cores da súa bandeira: branco, azul e rosa.