Un apostante na lotería hípica gaña máis dun millón de euros cun boleto selado en Pontevedra

Pontevedra
16 de xullo 2021

"A persoa selouna automático, non foi ela a que marcou os números, foi a máquina. E por só un euro, tocoulle máis dun millón", comenta Kiti Portela, a xerente da Administración de Loterías número 1 de Pontevedra, onde se xogou esta aposta da quiniela dos cabalos

Kiti Portela, xerente da Administración de Loterías número 1 de Pontevedra PontevedraViva

A Administración de Loterías número 1 de Pontevedra recibía esta mañá a notificación de que un boleto da Lototurf selado na súa sede acadara o primeiro premio do xogo de apostas celebrado na xornada de onte, xoves 15 de xullo.

Ao agraciado da coñecida como lotería hípica correspóndelle un premio millonario de 1.178.452 euros por acertar os seis números e o cabalo gañador. O premio é tan cuantioso porque este xogo acumulaba un bote millonario e o primeiro premio lévase ademais unha porcentaxe do 6% das vendas.

"A persoa selouna automático, non foi ela a que marcou os números, foi a máquina. E por só un euro, tocoulle máis dun millón", comenta Kiti Portela, a xerente da Administración de Loterías número 1 de Pontevedra,  que hai uns anos xa entregara "600.000 euros no Euromillón, pero nunca un premio millonario como este".

Desde este local situado na rúa Michelena, xunto ao Concello, están seguras de que o afortunado é alguén de Pontevedra, polo perfil das persoas que xogan este tipo de quiniela, a maioría clientes habituais, e polo feito de que fora unha aposta automática, o que que pecha máis o círculo.

"Sospeitámolo, pero aínda non nos dixo nada a persoa que a selou, e se é de Pontevedra estamos encantadas en que se quede o diñeiro na cidade, gañamos todos", apunta Kiti Portela.

A xerente indícanos que "ultimamente está tocando moito en Pontevedra" en diferentes administracións, polo que anima a que os pontevedreses e visitantes consuman lotería, en concreto á de Nadal, que xa está a venda.