Un dos tópicos do verán é a subida no prezo dos carburantes. Este agosto, polo momento, compórtase ao contrario. Con todo, a gasolina está uns puntos máis cara que no principio do ano - que tamén é un momento álxido nas estradas -, pero non o diésel, que si rexistra unhas décimas máis baixas que en xaneiro. "O dato positivo é que os prezos están por baixo dos do ano 2020 de media anual", conclúe o presidente da Asociación de Empresarios de Estacións de Servizo de Pontevedra, Benigno Redondo.
Con esta redución e no mes vacacional por excelencia, están a facer o agosto as gasolineiras?; non parece que así sexa segundo explica Redondo: "nestas datas de tanto movemento está a recuperarse o mercado porque perderamos bastante cota, o cal é positivo porque levabamos uns anos en descenso permanente e parece que a tendencia cambia. A xente séguese queixando porque non o notan demasiado no peto. Algo se nota, para tomar un par de viños ou de cervexas, moito máis non".
E falando de queixas de condutores, outra frecuente é a aplicación da subidas e as baixadas de prezos nas estacións de servizo: "nós se temos combustible nos tanques non repercutimos no mesmo momento en que baixan. Temos que ver co noso estocaje como compramos o combutible, sobre todo en lugares de pouca venda. Entón, non podes baixalos ou subilos inmediatamente, aínda que hai que recoñecer que quizá se tarda un pouco máis en baixar que ao subir", sinala.
O prezo dos carburantes vén determinado pola materia prima; os impostos, que levan o 53% do prezo final, e o resto son gastos loxísticos, de refino e de distribución. E a xeopolítica?, esta "sempre afecta a calquera cousa que teña relación cos mercados". Neste caso, se os máximos dos últimos anos producíronse en 2022 consecuencia do conflito bélico entre Rusia e Ucraína e esta guerra persiste xunto a un panorama non exento de tensións, "non deixa de ser un paradoxo porque o mundo está máis revolto que nunca; quizá se deba a unha baixada da demanda no contexto mundial", considera Benigno Redondo.
Facer unha previsión de continuidade nesta baixada de prezos "é un prognóstico complicado", di. Na súa opinión cre que "van seguir máis ou menos igual. Produciuse un trompazo histórico nas bolsas esta semana, así que como todo o que está no mercado, pódese producir un cambio de tendencia, a xeopolítica inflúe a todos".
Este martes 6 de agosto, nas gasolineiras da provincia de Pontevedra - e segundo unha web comparadora de prezos -, o diésel con menor prezo está a 1,399 nunha estación de Caldas e o máis alto nunha gasolineira de Poio a 1,689. En canto á gasolina (95) tamén no termo municipal de Caldas está a gasolina máis barata, a 1,489 fronte aos 1,694 en senllas estacións de servizo de Vilagarcía e de Pontevedra.