O Entroido resístese a irse este 2015 e a parroquia pontevedresa de Salcedo é un dos cantos nos que máis se prolongou. A Sociedade Cultural e Deportiva de Salcedo celebrou esta fin de semana os seus actos centrais no ámbito do pavillón de Cabanas, onde o lacón e os disfraces foron, como é habitual, os grandes protagonistas.
A parroquia empezou a festa xa o sábado cun concerto a cargo do grupo Fase REM, pero ata este domingo non se viviu o día grande. Empezou cedo, sobre as 11.30 horas, cunha ruta a cabalo dende Cotorredondo ata o pavillón, onde ás doce da mañá se celebrou un partido de fútbol sala.
O pregón da festa, que correu a cargo de Rafael Quintía, presidente da Sociedade Galega de Antropoloxía, inaugurou ás 13.15 horas unha sesión vermú amenizada por unha actuación musical e que serviu para quentar motores antes da súa terceira edición da laconada popular.
Nesta degustación gastronómica, por só dez euros por persoa, servíase lacón con grelos, chourizos de Lalín, patacas de Xinzo, auga ou cunca de viño, pan e café. Os pontevedreses encheron a carpa instalada ao lado do pavillón ata que, a partir das 17.00 horas, se celebrou o Desfile de Entroido dotado con premios nas categorías de comparsas, grupos e disfraces individuais. Ás 19.30 horas chegou o adeus definitivo co Enterro do Pichinela.