Un accidente en Ponte Sampaio provoca a caída de pedras do petril da ponte medieval

Pontevedra
24 de decembro 2022

O impacto producíase arredor das 13.00 horas deste venres 23. O mantemento corresponde á Xunta de Galicia e desde o BNG xa reclaman á administración autonómica que adopte medidas para protexer esta estrutura acusando o goberno galego de incumprir un acordo parlamentario de 2018 que instaba a acometer un plan de mellora da seguridade viaria na PO-264

Danos na ponte de Ponte Sampaio
Danos na ponte de Ponte Sampaio / PontevedraViva

Ao redor das 13.00 horas rexistrábase un accidente en Ponte Sampaio que provocaba a caída de pedras do petril da ponte medieval desta parroquia pontevedresa.

Trátase dunha zona onde as competencias de tráfico corresponden á Garda Civil e a Xunta de Galicia encárgase do mantemento da histórica infraestrutura. En 2019 xa se producira un incidente similar cando un turismo provocaba o derrubamento de pedras ao río Verdugo.

Debido a este accidente, desde o BNG xa se emitiu un comunicado esixindo ao goberno galego a adopción de medidas para protexer este viaduto despois dos danos causados na varanda de pedra neste último accidente. 

A formación nacionalista lembra que a estrada PO-264 entre Paredes e Arcade é de titularidade autonómica coa inclusión desta ponte. Sinalan que son coñecidos os problemas de tráfico e de seguridade viaria na zona, con reiterados accidentes que provocan danos na ponte e alertan de que desde a administración autonómica non se investiu un euro na súa protección, conservación e mellora.

Desde o BNG tamén lembran que esta infraestrutura é a principal vía de comunicación peonil entre Ponte Sampaio e Arcade, ademais de formar parte do camiño de Santiago, con paso de miles de peregrinos por este espazo.

Debido á convivencia entre vehículos e peóns na calzada estreita provoca constantes incidencias e situacións de risco, segundo expoñen desde o BNG, que urxe á Xunta medidas para garantir a preferencia peonil e a seguridade das persoas que camiñan pola ponte.

Por último, expoñen que en 2018 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade un acordo, por iniciativa do BNG, para estudar medidas de acougado de tráfico e seguridade nesta contorna e no núcleo de Ponte Sampaio. Lamentan que durante catro anos non se realizase ningunha actuación. 

Lembran tamén que o PP votou en contra da proposta de elaboración autonómica dun plan integral de conservación, limpeza, protección, ordenación da contorna e promoción da ponte de Ponte Sampaio.

Os nacionalistas afirmaban que o viaduto presentaba un estado de absoluto abandono, sen labores de limpeza, traballos de conservación, con iluminación deficiente e con instalación de cableado e mobiliario urbano non acorde co valor histórico e patrimonial do conxunto. Tamén denunciaban a falta dunha correcta sinalización viaria.

Tras o accidente das últimas horas, a formación que lidera Ana Pontón reclama de maneira urxente que se acometan os traballos de recuperación e reposición das pedras do petril derrubadas.