Un 20% dos vaos seguen sen regularizar e o Concello estudará sancións de 3.000 euros se continúan sen adaptarse

Pontevedra
21 de febreiro 2022

Anabel Gulías, portavoz do goberno local, alertaba a aquelas persoas que non estean atendendo os requerimentos do Concello para actualizar o vao non serán atendidas polo guindastre municipal en caso de que outros vehículos estacionen diante da súa saída, ademais quedarán expostos a unha sanción de 3.000 euros ou á restitución de oficio ou a través de solicitude das beirarrúas ao seu estado orixinal 

Instalación dun vao coa presenza da concelleira Carme da Silva Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra manexa entre 250 e 275 expedientes de particulares que desatenderon a petición municipal para que renoven o sinal de vao dos seus espazos de aparcamento. Anabel  Gulías, portavoz do goberno local, explicaba que neste proceso de regulación que se iniciaba en 2018 o balance resulta positivo porque a maioría dos residentes realizaron a modificación utilizando as novas placas oficiais que facilitan os servizos municipais.

Con todo, existe un 20% de casos nos que continúan mantendo a sinalización anterior e, por tanto, seguen sen regularse. Gulías explicaba que existen casos de atraso derivados da situación pandémica ou de dificultades na xestión electrónica pero tamén se detectaron casos de persoas que deciden non pagar nin regularizar a súa situación. O Concello alertará ás administradoras de comunidades que continúan con vaos antigos para que se axilice o proceso de renovación.

Anabel Gulías lembraba que no caso de que non se acometa, o goberno local adoptará medidas e actuará en consencuencia con sancións de máis de 3.000 euros si afecta al tráfico ou con actuacións, de oficio ou a través de requirimento, para obrigar a que se restitúan as beirarrúas ou se pinten determinados espazosmodificados coa adxudicación do vao, para que agora retornen á súa situación orixinal.

Ademais, indicaba que nos casos de que o vao non sexa o oficial non haberá prohibición para aqueles vehículos que queiran aparcar diante. Desta forma, o guindastre municipal non intervirá no caso de que un vehículo obstaculice unha saída dun garaxe non regulada.

"Hai que actuar con firmeza. Non pode ser que uns paguen e outros non", sinalou a portavoz municipal facendo un chamamento a todas aquelas persoas que aínda non renovaron as súas placas.