Últimos trámites para a apertura do Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor

Marín
07 de xaneiro 2015

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, confirmou nunha visita ao centro que a Xunta recepcionar as obras "antes de que remate o mes" e procederá "de xeito inmediato" á súa transferencia ao Concello de Marín para a posterior apertura ao público

María Ramallo e Xesús Vázquez visitan o Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor PontevedraViva

Unha vez rematadas, salvo pequenos detalles, as obras de acondicionamento do Centro de Interpretación dos Petróglifos de Marín, a súa apertura está moi próxima, segundo aseguraron nunha visita ás instalacións o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

Vázquez confirmou que a Xunta recepcionará as obras "antes de que remate este mes", procedendo "de xeito inmediato" á súa cesión ao Concello.

A partir dese momento será o goberno local que deba poñer en marcha o centro que pretende difundir o patrimonio rupestre do municipio, e farao segundo María Ramallo coa idea de que "nos meses propios de primavera-verán se poida ter unha persoa permanente para unha apertura e horario fixo e despois en inverno en función da demanda, en virtude de visitas para colexios ou grupos".

O investimento no conxunto de arte rupestre ascende a algo máis de 350.000 euros na súa totalidade. No correspondente á actuación realizada en 2014 executouse o proxecto museográfico e o acondicionamento das pasarelas co obxectivo de facilitar o acceso aos petróglifos.

A posta en marcha deste centro explicará, segundo Xesús Vázquez, "a historia, o por que e a conexión destes petróglifos con outros puntos", destacando o conselleiro que "pode significar un revulsivo na medida que forma parte do conxunto de centros que pretendemos crear en torno o de Campo Lameiro".

Arquivado en