A rehabilitación da Primeira Travesía da Seara, na parroquia de San Xoán, xa é practicamente unha realidade.
O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), pasou revista este luns ao estado que presenta esta rúa, cuxa reforma integral agarda que nos vindeiros días xa se poida reabrir de xeito definitivo o tránsito de vehículos, logo de que se pechase ao tráfico durante os últimos meses para o desenvolvemento dos traballos, que están a ser executados pola empresa EC Casas.
Tal e como lembrou o edil do Goberno municipal, esta actuación serve para continuar avanzando no proceso de transformación que o Concello está a levar a cabo no núcleo da Seara. No que vai de mandato xa se acometeron importantes melloras na rúa principal.
Nesta ocasión, foi a quenda da Primeira Travesía, que enlaza coa PO-308 á altura do centro de San Xoán. Casás destacou, entre outras melloras, a dotación dunha nova superficie de empedrado, que, ademais de renovar o firme, tamén supón unha maior garantía no que ao respecto da contorna se refire. "Esta é a filosofía que aplicamos en todas as actuacións que estamos a desenvolver nos núcleos tradicionais, como é o caso da Seara ou o de Lameiriña, en Raxó, que tamén está a piques de rematar", sinalou o titular de Obras e Servizos. Deste xeito, apóstase pola posta posta en valor, ao tempo que se potencia a mobilidade sustentable e un maior protagonismo para o tránsito peonil.
Precisamente, na Travesía da Seara tamén se ve mellorada a seguridade viaria, especialmente no tramo máis próximo á PO-308, onde se procedeu a anchear a rúa en dous metros, co que haberá un maior espazo para viandantes. A maiores, a empresa adxudicataria tamén levou a cabo a renovación de servizos básicos como o saneamento, así como a separación de pluviais e abastecemento. O proxecto incluía o soterramento de tendido eléctrico e a canalización para telecomunicacións. Julio Casás explicou que “só quedan uns retoques” para dar por finalizada a obra.
O investimento total para esta actuación ascendeu a preto de 152.000 euros.