Este xoves día 5, ás sete da tarde, a capital da provincia acenderá a súa iluminación do Nadal cunha posta en escena na Praza de España que contará coas actuacións da Banda de Música de Pontevedra e o grupo Maravallada, ademais dos pasacalles Luz Branca de Nadal.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, percorreu na véspera os principais escenarios: a Estación do Bosque e o Poboado de Nadal, na Alameda e a praza da Ferrería, onde se traballa contrarreloxo para ter todo a punto para este xoves.
A Ferrería acollerá até o 5 de xaneiro o mercado de artesanía e agasallo con este atractivo para as fotos que é a decoración do centro da praza.
E a Alameda convértese nun bosque de xogos con multitude de elementos decorativos como unha gran porta, bonecos xigantes ou un estanque. Aquí situaranse as carpas para as actividades infantís para menores de 12 anos, ademais da tirolina, a pista de xeo, o tobogán e o tren.
Creacións Luminosas xa completou a instalación da iluminación do Nadal. Este traballo foille adxudicado por 144.595 euros.
En total catro árbores de luces adornan a cidade, sendo o máis grande, con 60 metros de altura, o situado fronte á casa consistorial. Ademais hai tres exemplares máis en Curros Enríquez, en Eduardo Pondal e na Praza das Camelias.
Hai un corazón diante do Hospital Provincial, unha caixa xigante de agasallo na Praza do Teucro e outra no centro cultural de Monte Porreiro, unha carroza en Daniel de la Sota, uns Reis Magos na Ponte do Burgo, uns camelos na Parda, catro bólas xigantes (no Mercado, diante da Audiencia e nos xardíns de Campolongo).
En total hai 223 motivos luminosos en 23 rúas e 163 arcos noutras 27; iluminaranse os 16 camelios dos xardíns de Casto Sampedro e colocáronse oito rótulos luminosos nas entradas á capital.
O alcalde lembrou que o programa do Nadal en Pontevedra inclúe un centenar de actividades, desde pasacalles e talleres gratuítos no centro histórico, até concertos, a recepción de Papá Noel ou aos Reis Magos, os Cantos de Reis ou as propostas de lecer en Recinto Feiral, con xogos e inchables.