Últimos días para solicitar un aluguer social nas antigas vivendas dos mestres de Cerdedo

Cerdedo-Cotobade
29 de setembro 2018

Para ser candidato á adxudicación dalgunha das dúas primeiras casas restauradas é necesario anotarse no rexistro autonómico de xeito presencial nas oficinas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Pontevedra (rúa Alcalde Hevia 7) ou ben a través da sede electrónica da Xunta

Antigas vivendas dos mestres de Cerdedo Concello de Cerdedo Cotobade

As persoas interesadas en optar a unha das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo co beneficio de só ter que sufragar un aluguer social deben inscribirse no rexistro de demandantes de vivendas protexidas de Galicia antes do vindeiro mércores 3 de outubro.

Así o deu a coñecer este sábado o Concello de Cerdedo-Cotobade, que lembra que as dúas primeiras casas xa están rehabilitadas cun investimento de 353.000 euros e que as previsións municipais barallan que a Xunta licite a segunda fase, na que se recuperarán as oito vivendas restantes, este mesmo ano

Para ser candidato á adxudicación dalgunha das dúas primeiras casas restauradas é necesario anotarse no rexistro autonómico de xeito presencial nas oficinas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Pontevedra (rúa Alcalde Hevia 7) ou ben a través da sede electrónica da Xunta.

A partir do 3 de outubro comezarase a baremar aos candidatos para proceder á concesión en réxime de aluguer social destas vivendas, correspondentes cos números 41 e 43 da rúa das Longas e calificadas de Protección Oficial de Promoción Pública.

En principio, agárdase que este concurso se poida resolver no que resta de ano