Últimos días para contemplar a espectacular floración da 'árbore do amor'

Pontevedra
07 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Nestes momentos está a piques de finalizar o período de floración, inferior a un mes, polo que un bo plan de lecer é facer parada nos máis de cincuenta exemplares que embelecen a cidade de Pontevedra e cuxa localización desvelamos neste artigo

Follas en forma de corazón da 'árbore do amor' da rúa Fernando Olmedo Mónica Patxot

O seu nome científico é 'cercis siliquastrum', aínda que é coñecida popularmente como a 'árbore do amor'

Esta denominación responde á peculiar aparencia das súas follas, redondeadas en forma de corazón. Característica á que suma a intensa cor rosa das súas flores, o que completa esta alusión ao amor. 

A súa floración prodúcese entre finais do inverno e comezos da primavera. Nesta especie, o comportamento das flores é atípico, xa que estas aparecen antes das follas. 

O calendario avanza, e a oportunidade de gozar deste espectáculo da natureza en Pontevedra podería estar próxima ao seu fin.

Por unha banda, o tempo esgótase se facemos cálculos dende que empezaron a florecer, ao redor da última quincena de marzo. Nesta especie, a floración dura apenas uns vinte días.

E por outro, polo feito de que na maioría dos exemplares de Pontevedra xa empezan a convivir flores e follas, polo que en breve estas últimas ocuparán as ponlas por completo e as vistosas flores rosas en acios desaparecerán da árbore ata o próximo ano

Ademais, tamén hai que lembrar que na última semana a borrasca Nelson acelerou o proceso natural de caída de flores das árbores máis azoutadas polo vento. 

ÁRBORES REPARTIDAS POLA CIDADE

Unha proposta para o tempo de lecer é facer un roteiro con parada no máis de medio centenar de exemplares que embelecen Pontevedra.

No libro As árbores da cidade de Pontevedra (obra de Jaime Bernardo Blanco-Dios e Amancio Castro González, editada polo Concello de Pontevedra) recóllese a localización e número de exemplares que atesoura a cidade: parque de Rosalía de Castro (1); xardíns da Autoridade Portuaria da ría de Marín-Pontevedra (3); xardín entre a avenida de Compostela e a rúa Celso Emilio Ferreiro (12); campus universitario da Xunqueira (26); e avenida das Corvaceiras (2). 

Tras a publicación desta guía de 2010, novas árbores incorporáronse ao catálogo da cidade. En concreto, as situadas na nova praza tras a reforma da rúa Fernando Olmedo, na confluencia con Casimiro Gómez, A Seca e Camiño Vello de Castela.