Ultimato dos comuneiros ao Sergas: dánlle un mes de prazo para negociar por Montecelo

Pontevedra
25 de xaneiro 2020

Hai xa ano e medio o Tribunal Supremo falou alto e claro. Os terreos sobre os que se asenta o Hospital Montecelo son propiedade da comunidade de montes de Mourente. Pero desde entón, lamentan os comuneiros, o Sergas apenas falou con eles

Hospital Montecelo Cristina Saiz

Hai xa ano e medio o Tribunal Supremo falou alto e claro. Os terreos sobre os que se asenta o Hospital Montecelo son propiedade da comunidade de montes de Mourente. Pero desde entón, lamentan os comuneiros, o Sergas apenas falou con eles.

Fartos desta situación, a comunidade de montes fixo un ultimato á Xunta de Galicia. Se no prazo dun mes non se constitúe unha mesa de negociación entre ambas as partes, acudirán aos tribunais para executar a sentenza.

Este proceso de negociación permitiría a Sanidade obter un acordo de cesión dos terreos para regularizar a situación legal dos terreos e, dese xeito, garantir o funcionamento futuro do hospital.

Na carta remitida ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, os comuneiros lembran que o Sergas está a ocupar os seus terreos sen título lexítimo de propiedade ou dereito de ocupación que lles habilite para usalos.

A pesar das reiteradas peticións dos donos deste terreo para negociar co Sergas, a administración sanitaria só accedeu a unha única entrevista, hai máis dun ano, con persoal técnico da consellería, que trasladou aos comuneiros que non se tomou unha decisión definitiva sobre este asunto.

"Desde aquela data non houbo ningún contacto ou reunión sobre o tema, malia aos intentos da comunidade de montes", sinala o colectivo que preside Carlos Morgade, que advirten das consecuencias que tería para o hospital se este asunto regresa aos tribunais.