Ultiman os preparativos para o inicio da construción do novo centro de saúde de Marín

Marín
07 de febreiro 2015

Despois de todos os trámites necesarios e da firma da acta de reformulación entre todas as partes implicadas, a empresa Dragados solicitou ao Concello de Marín o valado da parcela na que se levantará esta nova infraestrutura sanitaria, uns traballos coordinados pola Policía Local

Valado da parcela onde se construirá o novo centro de saúde de Marín Concello de Marín

Todo está xa a punto para o inicio das obras de construción do novo centro de saúde de Marín. Despois de todos os trámites necesarios e da firma da acta de reformulación entre todas as partes implicadas, a empresa Dragados solicitou ao Concello de Marín o valado da parcela na que se levantará esta nova infraestrutura sanitaria, uns traballos coordinados pola Policía Local.

O obxectivo é que ninguén teña acceso á obra por motivos de seguridade e de operatividade. Para iso, cortouse o tramo da senda que linda coa construción, que permanecerá pechada durante as obras para evitar calquera tipo de interferencia que exista ao pasar persoas tan preto.

Nos próximos días, necesitarán neutralizar igualmente a liña de aparcadoiros da rúa Mestre Landín, no tramo de fachada que lles afecta. Procederase con aviso previo á súa sinalización. Polo momento, o dobre sentido seguirá nesta rúa en suba e baixada cara a Ponte Zapal e La Moreira de ida e volta.

O goberno municipal asegura que entende que estas obras producirán unha serie de molestias, pero avanza que se manterá unha continua coordinación coa empresa para tratar de causar os menores prexuízos posibles aos cidadáns.

Ademais, recordan que unha vez concluídas as obras do novo centro de saúde, a empresa terá que reurbanizar todo este ámbito, tirando o murete branco que separa este espazo da rúa e dando a fachada fronte a unha beirarrúa que axudará a humanizará aínda máis esta zona.