Venres 28 de novembro (20.30 horas), no Teatro Principal. ÿ a data e o lugar escollido polo Concello de Pontevedra para celebrar o acto de homenaxe a membros da corporación municipal e os funcionarios represaliados tras o levantamento militar fascista de 1936. Así o avanzou o concelleiro Luis Bará, que deu os primeiros detalles dun evento cuxo contido se perfilará nunha reunión que se celebrará a próxima semana.
Trátase, sinalou o edil nacionalista, dunha data que ten "certosimbolismo" dentro deste episodio relacionado coa memoria histórica. Coincide co acordo da comisión permanente que ordenou a destitución de gran parte dos funcionarios represaliados. Agora, con esta restitución simbólica, o Concello de Pontevedra busca celebrar un acto "que teña a necesaria solemnidade e sinxeleza ao mesmo tempo".
Será unha homenaxe "participativa e colectiva" e espérase que haxa unha representación da maior parte das familias das preto de 100 persoas, entre políticos e funcionarios, que foron vítimas de diferentes episodios de represión a partir do ano 1936, principalmente polo feito de ser "persoas comprometidas, de esquerdas e republicanas".
Ademais, no acto terán un protagonismo especial a Policía Local, a Banda de Música e a brigada municipal de xardíns, tres departamentos que foron "especialmente castigados".
Luis Bará quixo agradecer expresamente a colaboración que as familias dos represaliados están a brindar ao Concello de Pontevedra para reunir información sobre todos estes episodios e fotografías das vítimas, que serán proxectadas durante a homenaxe. Con todo iso, dixo, o goberno municipal espera que o acto "estea á altura do que merece estas familias".