"As razóns son máis que coñecidas, dados os últimos datos do paro, dada a situación política que se está desarrollando, sobre todo, no eido político-laboral, cremos que debemos estar na rúa". Así explicaba as razóns da manifestación convocada para este domingo 10 o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal xunto ao representante de Comisións Obreiras, Eusebio Justo.
Ambos os dous foron críticos co Goberno central porque non atende a consensos e ante a situación que se formula na bisbarra coa presentación de numerosos ERES extintivos afirman que hai razóns para expresar na rúa o desexo de modificar esta dinámica.
Eusebio Justo indicou que neste momento é moi importante a manifestación porque hai moitos convenios pendentes de negociación como sucede no sector da alimentación para o que xa se convocou unha folga durante a Semana Santa. "Isto se encaixa dentro da reforma laboral", segundo indicou Ramón Vidal, quen sinalaba que en Pontevedra hai 100 mil traballadores pendentes desas negociacións de convenio colectivo.
Esta marcha do domingo inclúese nunha mobilización europea que se desenvolverá tamén nas principais cidades galegas con actos similares de protesta.
A manifestación sairá ás 12 do mediodía da Praza da Ferraría e avanzará polo centro da cidade ata rematar na Subdelegación do Goberno. O lema será: "Contra o paro, 6 millóns de razóns".