UGT denuncia a falta de negociación de Medio Rural cos bombeiros do operativo anti incendios de Pontevedra

Pontevedra
15 de decembro 2017

Medio Rural non levou aínda á mesa de negociación os cadros de traballo que distribúen os medios e horarios que van a cubrir durante todo o 2018. Esta actitude, segundo UGT, "leva a  crear desigualdades entre o persoal e unha cobertura deficiente do servizo debido a eivas na distribución dos medios dispoñibles"

Imaxes nocturnas do incendio de Tenorio Diego Torrado

Os servizos autonómicos de prevención de incendios seguen no punto de mira por cuestións relativas ás súas condicións laborais. A polémica, que saltou este outono a raíz da vaga de lumes da fin de semana do 15 de outubro, segue viva e agora o sindicato UGT denuncia que, a 15 días de que empece o ano 2018, o persoal descoñece os seus cadros de traballo

A situación afecta aos traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia para a provincia de Pontevedra, arredor dos que UGT denuncia "abandono" e "falta de negociación" por parte da xefatura territorial da Consellería de Medio Rural.

Segundo a información facilitada por UGT, Medio Rural non levou aínda á mesa de negociación os cadros de traballo que distribúen os medios e horarios que van a cubrir durante todo o 2018. 

O sindicato leva anos solicitando á xefatura territorial a negociación e a adaptación das carteleiras de traballo a os acordos establecidos, tanto a nivel provincial como autonómico, pero ata agora sempre fixo "caso omiso". Esta actitude, segundo UGT, "leva a  crear desigualdades entre o persoal e unha cobertura deficiente do servizo debido a eivas na distribución dos medios dispoñibles".

De feito, lembran que a inspección de traballo xa ditaminou a favor dos traballadores e instou á xefatura do servizo a negociar anualmente as carteleiras de traballo tal como tamén establece o convenio colectivo aplicable, pero, a pesar desas indicacións, "seguen a cometerse os mesmos erros e a falta de negociación das quendas de traballo tradúcese en irregularidades nas carteleiras".

Esas quendas non están ben feitas, o que motiva, segundo UGT, dous problemas. Para os traballadores o problema é que provoca dificultades para conciliar a súa vida laboral e familiar e para o servizo, que non ten unha distribución de medios adecuada.

UGT esixe que se adopten as medidas necesarias para negociar unhas carteleiras equitativas adaptadas á normativa vixente, recollida no convenio colectivo, cos seus descansos por vacacións e rotacións correspondentes, para que os traballadores poidan ter a súa carteleira anual igual que nas demais consellerías, que xa negociaron coa correspondente antelación.  

Arquivado en