Un ano máis, Eurovisión en España terá acento pontevedrés. A xornalista Julia Varela foi elixida, por décimo ano consecutivo, como a voz de TVE para comentar o festival europeo da canción, que se celebrará na cidade sueca de Malmö entre os días 7 e 11 de maio.
Xunto a Varela volverá estar Tony Aguilar, locutor de Los 40. Ambos volverán formar parella por sétima vez. Os outros tres festivais de Eurovisión que comentou a pontevedresa, nos anos 2015, 2016 e 2017, estivo acompañada do xa falecido José María Íñigo.
Víctor Escudero, experto en Eurovisión, unirase a eles como asesor na retransmisión.
Julia Varela e Tony Aguilar, que durante estes seis anos demostraron a súa química en pantalla, compartiron o posto de comentaristas para a televisión pública española tamén no festival Eurovisión Junior, ao que España regresou en 2019.
Ambos terán que facer as maletas para Suecia moi pronto, xa que en apenas dez días comezarán os preparativos para a nova edición de Eurovisión, na que participará o dúo Nebulossa e a súa canción "Zorra" como representantes de España.
TVE confirmou os seus nomes como comentaristas durante a despedida que Nebulossa ofreceu onte á noite no Teatro Albéniz de Madrid, a súa última actuación antes da gran cita europea.