O Camiño de Santiago e o turismo slow (viaxar sen présa) serán o punto central das liñas de traballo que a Deputación de Pontevedra presentará para fomentar a actividade turística este xoves 12 de outubro dentro da programación da feira TTG Travel Experience de Rimini, en Italia; un salón internacional de turismo que recolle as principais novidades do mercado para profesionais do sector.
Nava Castro, deputada provincial, participará nunha mesa de debate na que se analizarán as experiencias de peregrinación en Europa. O encontro está organizado polo Centro de Estudos Avanzados en Turismo da Universidade de Bolonia. Ademais da representante pontevedresa asistirá a directora do Departamento de Políticas Culturais do Ministerio de Cultura de Letonia; o presidente da Asociación Europea da Vía Romea Xermánica; a xerente do INORDE e docentes universitarios de Italia e Holanda.
Castro explicará a importancia de traballar na mellora do trazado das rutas peregrinas cara a Compostela e do incremento de servizos para a acollida de visitantes para aumentar de maneira progresiva e sostible a peregrinación pola provincia de Pontevedra.
Na súa intervención explicará que a fórmula axuda a impulsar a economía das rexións e colabora en frear o avance do despoboamento do rural. Neste sentido, avogará pola cooperación público-privada e transnacional con estratexias comúns e financiamento para desenvolver de forma conxunta destinos e produtos turísticos sostibles, rendibles e de calidade.
Neste sentido, Nava Castro expoñerá no debate que se desenvolve na feira a importancia de crear unha rede de relacións internacionais para intercambiar e ampliar o modelo da xestión dos Camiños de Santiago, con implicación institucional e económica que leve implícita unha planificación de accións a escala europea par promocionar o Camiño en todo o continente.