Turismo Rías Baixas estima unha ocupación para a Semana Santa do 68%

Pontevedra
31 de marzo 2023

"Esta semana Santa será mellor que a do pasado ano cun 68% de ocupación, 8 puntos máis que no 2022 no conxunto da provincia", destacou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva na presentación das estimacións de ocupación realizadas polo Barómetro de Turismo Rías Baixas  

Un grupo de turistas na cidade de Pontevedra PontevedraViva

"Esta semana Santa será mellor que a do pasado ano cun 68% de ocupación, 8 puntos máis que no 2022 no conxunto da provincia", destacou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva na presentación das estimacións de ocupación realizadas polo Barómetro de Turismo Rías Baixas.

A previsión de ocupación hostaleira na provincia sitúase entre o 75 e o 77% nos días festivos, entre o Xoves Santo e o Domingo de Pascua, "se a meteoroloxía acompaña", apuntou a presidenta.

Carmela Silva mostrouse convencida de que "vai ser un gran ano, mellor que o anterior".

As previsións para a cidade de Pontevedra son dun 65%, o que supón tres puntos máis que o pasado ano, e na comarca superará o 60%, (7 puntos máis respecto a 2022).

Na comarca de Vigo estímase unha ocupación hostaleira do 70% (a ocupación o ano pasado foi do 61%), na cidade olívica a previsión é do 75% (o ano pasado foi dun 60,8%). En Baiona espérase un 65% (o pasado ano foi do 55,9%), a comarca do Morrazo estima un 69% (foi o 60,7% o ano pasado), no Salnés espérase o 68% (foi do 60%), en Sanxenxo espérase un 68% son oito puntos máis que a obtida o pasado ano e no Grove un 65% (en 2022 foi do 54,7%).

No Condado-A Paradanta esperan o 66% de ocupación, sete puntos máis que o ano anterior, no Baixo Miño agardan un 66% (un 55,5% rexistraron o ano pasado), na comarca de Caldas estiman un 62%, tres puntos máis e, por último, na do Deza-Tabeirós-Terra de Montes un 60% é o esperado (58,3 conseguiron en 2022). 

En canto ao turismo rural, Turismo Rías Baixas manexa unhas previsións do 64 por cento de ocupación e ata un 70% nos días centrais da semana.

Nas vivendas turísticas a estimación é do 72 por cento no conxunto da provincia e de ata o 81 por cento nas cidades de Pontevedra e Vigo.

"Existe confianza en que os datos finais de ocupación á volta da Semana Santa confirmarán e mellorarán esta tendencia", valorou Carmela Silva.