Tudela estuda a coordinación dos servizos municipais de Pontevedra

Pontevedra
30 de setembro 2017

Asociacións de veciños, ecoloxistas, colexios profesionais como o de arquitectos, entidades do ámbito da mobilidade sostible e políticos asistiron á conferencia do intendente principal da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, nesta localidade de Navarra

Daniel Macenlle ofrece unha charla en Tudela Concello de Pontevedra

En Tudela están especialmente interesados en coñecer o proceso de peonalización que acometeu Pontevedra hai 17 anos e o intendente da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, acudiu a esta localidade navarra para explicar dentro da Semana Europea da Mobilidade, organizada polo Concello de Tudela, as diferentes actuacións que se levaron a cabo na capital do Lérez durante os últimos anos.

Ao acto asistiron representantes de asociacións veciñais, ecoloxistas, colexios profesionais, entidades do ámbito da mobilidade sustentable e políticos. Un dos puntos máis aplaudidos foi o relacionado coa coordinación dos departamentos do Concello de Pontevedra co obxectivo de crear e protexer o modelo de cidade.

Tudela acometeu a peonalización do centro histórico recentemente e a medida foi acompañada de temores dos comerciantes ao non poder acceder os coches ata as portas do seu establecemento. Tamén se mostraban preocupados pola falta de actividade no centro histórico que se podería derivar desta medida.

Macenlle explicou a importancia de que os diferentes departamentos municipais como cultura, festas ou deportes cheguen a estar coordinados para buscar actividades que axuden a dinamizar os espazos rescatados para os peóns e que antes eran ocupados polos vehículos.