Trinta rapaces reinventan éxitos da música pop con fins solidarias

Ponte Caldelas
17 de decembro 2017

As entradas ao festival terán un custo de 3 euros para os adultos e de 2 euros para os menores de 18 anos. Toda a recadación estará destinada a sufragar un proxecto de rexeneración nos montes queimados, completando así as accións emprendidas polo Concello de Ponte Caldelas nos últimos meses

Gala a prol dos damnificados polos incendios Concello de Ponte Caldelas

Un festival infantil solidario a prol da reforestación dos montes queimados. É a última iniciativa creada en Ponte Caldelas ao fío da vaga de lumes do pasado mes de outubro. Celebrarase o próximo xoves día 21, as 20.30 horas, no local da antiga discoteca Reyvi.

O festival está impulsado por Noemí Argibay Pampín, empresaria local que dedica estes días a pechar os últimos detalles para que todo saia á perfección.

As entradas terán un custo de 3 euros para os adultos e de 2 euros para os menores de 18 anos. Toda a recadación estará destinada a sufragar un proxecto de rexeneración nos montes queimados, completando así as accións emprendidas polo Concello de Ponte Caldelas nos últimos meses.

O proxecto, que se desenvolverá a partir do próximo mes de xaneiro, consistirá na adquisición de landras de carballo autóctono e a súa plantación nos lugares máis adecuados, baixo a dirección de técnicos forestais.

As entradas poden adquirirse xa na herboristería Sándalo, cafetería Aries, zapatería Yoli e seguros Mapfre. Hai tamén unha "fila cero" de 3 euros para as persoas que queiran colaborar, pero non poidan asistir ao evento.

Durante unhas dúas horas, a directora deste proxecto levará adiante un espectáculo no que participará un grupo duns 30 nenos e nenas pertencentes á escola infantil Papaventos, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Todos eles son veciños de Ponte Caldelas ou da contorna e alumnos do colexio Cordo Boullosa ou do instituto.

O programa consiste na interpretación de cancións clásicas da música pop, pasando por The Beatles, Frank Sinatra, Joaquín Sabina ou ABBA nun ambiente do máis divertido. Haberá tamén tempo para o reguetón da man dos máis cativos. Todo o espectáculo estará presentado por Antón Xil Covelo, un neno que, con só 11 anos, asumirá esta responsabilidade.