Trinta e nove elaboracións para un Pontedetapas que volve dous anos despois

Pontevedra
06 de novembro 2024

Haberá quince días nos que degustar o mellor da gastronomía local en pequenos bocados, a catro euros por tapa e a seis euros por cóctel. O certame será entre os días 13 e 27 de novembro

Pontedetapas Mónica Patxot

Volve Pontedetapas. O certame gastronómico que mostra as mellores creacións gastronómicas en pequeno formato da hostelería da cidade regresa cunha nova edición.

Será a partir do próximo mércores 13 de novembro. Ata vinte e nove establecementos participan neste evento de referencia que, tras un ano de parón, volve con forza.

Ata o 27 de novembro serviranse trinta e nove propostas culinarias, entre elas, dezanove tapas tradicionais, dez tapas creativas e dez cócteles.

Haberá, polo tanto, quince días nos que degustar o mellor da gastronomía local en pequenos bocados, a catro euros por tapa e a seis euros por cóctel.

A votación popular será a responsable de decidir a Tapa Pontevedra. O gañador deste premio representará á cidade de Pontevedra no certame De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco das sete grandes urbes galegas.

O gañador da Tapa Pontevedra tamén terá como premio presentar a súa creación na edición do vindeiro ano da feira do gourmet galego Etiqueta Negra, promovida polo Concello de Pontevedra.

Á súa vez, un xurado profesional probará de incógnito as propostas e escollerá os premios do xurado á mellor tapa creativa, á mellor tapa tradicional e ao mellor cóctel.

Pontedetapas conta ademais coa colaboración de Hijos de Rivera e outorgará un premio á mellor maridaxe con caña de Estrella Galicia.

O premio para o hostaleiro gañador consistirá no valor do seu peso en produtos desta compañía e na realización dun showcookingnun evento gastronómico organizado pola cervexeira. Para o público, consistirá nunha cea para dúas persoas valorada en 60 euros no local gañador.

Para participar, a razón dun único voto por tapa ou cóctel, os clientes poderán votar a través dun cupón de votación, en formato papel, que terán que depositar nas urnas de cada local, ou a través da app propia Pontedetapas.

Haberá en xogo dous premios de 500 euros para gastar nos locais participantes en Pontedetapas. Un deles será por extracción ao azar dun cupón en formato papel de entre a totalidade dos recibidos. O outro premio sortearase entre os clientes que voten a través da app.

Finalmente, volverase a editar o Pasaporte Pontedetapas que garante un regalo seguro consistente nunha cea para dúas persoas valorada en 60 euros, a escoller entre todos os establecementos do concurso.

Optarán a el os dez primeiros consumidoresque o presenten selado por todos os locais participantes na oficina municipal de Turismo antes do día 6 de decembro.